Miércoles. 26.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 26.09.2018
El tiempo

Un mercado con máis de 40 prazas

Fachada do Mercado Gastronómico de Boanerges, en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)
Fachada do Mercado Gastronómico de Boanerges, en Santiago. PEPE FERRÍN (AGN)

O Mercado Gastronómico de Boanerges ultima preparativos para a súa apertura a principios de outono en Santiago. Grupo Externa recolle 200 currículos para 41 postos nunha xornada de portas abertas

Antes xa de abrir as súas portas, a primeira ‘oferta' do Mercado Gastronómico de Boanerges sentou ás mesas do establecemento compostelán os seus primeiros visitantes. Unhas 200 persoas estiveron alí este mércores co currículo debaixo do brazo, para participar nunha xornada de portas abertas organizada para recibir aos interesados nalgún dos 41 postos de traballo a cubrir neste novo complexo. Búscanse cociñeiros, camareiros e relacións públicas, coa previsión de que este espazo que combina mercado e restauración coa aparencia dunha antiga praza de abastos moderna abra moi pronto: no inicio do outono.

Javier pensou que podería estar entón nas cociñas do Boanerges. Con 18 dos seus 41 anos dedicado aos fogóns na hostalería, como os do restaurante no que está empregado agora, este mércores entregou as súas credenciais a Grupo Externa, encargado do proceso de selección e contratación do persoal. "É un proxecto novo non que me gustaría traballar", apunta.

María, que chegou á cola formada ás portas das instalacións algo antes, tamén está a traballar, e busca un posto no que senta "máis desenvolvida" e que lle ofreza posibilidades de progresar. "O non xa o teño", di esta muller de 36 anos, que levou no seu currículo a súa experiencia en hostalería e en atención ao cliente.

Xusto diante, Leo tamén se animou a probar "sorte" ante a apertura do mercado. Con 25 anos, aspira a atopar alí "algo estable", sobre todo agora que se achega o final da tempada alta da restauración e as chamadas para que siga traballando como extra se reducen.

Participantes na xornada de portas abertas. PEPE FERRÍN (AGN)Como Javier, María e Leo, unhas 200 persoas pasaron este mércores polo Boanerges, onde profesionais de Grupo Externa recolleron os currículos nunha "entrevista de toma de contacto". "É unha oportunidade para ir coñecendo os candidatos e que eles nos coñezan a nós; é máis próximo que unha oferta publicada nunha plataforma de emprego", explica María Fabeiro, responsable de selección e prevención de riscos laborais do grupo. A compañía, con máis de dez anos de experiencia no sector, ofrece "unha xestión integral".

APERTURA. Cos resultados das ofertas previas —con bastante "boa convocatoria"— e da xornada do mércores, examinaranse as candidaturas para cubrir os postos e realizaranse as entrevistas "de profundidade", para ter todo decidido a finais deste mes. E para así ter todo máis que listo para a inauguración.

O Mercado Gastronómico de Boanerges, na zona do Paxonal —xunto a El Corte Inglés—, ultima os retoques nos seus 1.085 metros cadrados, repartidos en dúas plantas. A zona de mercado acollerá once postos de alimentación con produtos galegos —desde conservas e queixos a pan, polbo, mariscos, tenreira ou viño—, para levar ou tomar alí. Xunto a eles, a oferta de restauración inclúe cafetería, vinoteca, cervexería, coctelería e varias terrazas, ademais dunha "neotaberna" dirixida polo chef de Cambados Yayo Daporta, cunha estrela Michelin.

O proxecto, impulsado coa previsión de que xerará uns 90 postos de traballo directos —parte cóbrenos as marcas presentes—, achégase ao momento da inauguración tras un investimento de 2,5 millóns de euros. Baixo a xestión dos irmáns Pedro e José Ramón Acevedo —e cun nome que significa "fillos do trono" e remite ao sobrenome dado por Jesús aos apóstolos Santiago e San Juan Evanxelista—, amplía unha oferta, a dos mercados gastronómicos, ata fai moi pouco inexistente na capital galega.

Un mercado con máis de 40 prazas
Comentarios