La minería: ¿Una oportunidad o un peligro?

A revalorización dos metais preciosos nun momento no que a crise disparou a súa cotización a máximos históricos espertou a antiga febre do ouro en Galicia e, con ela, o arraigado enfrontamento entre quen antepoñen a conservación do medio ambiente a calquera proxecto e aqueles que están dispostos a sacrificalo, sempre con certos límites, en favor do progreso e, sobre todo, do emprego.

E é que, nunha comunidade con preto de 300.000 parados, non é doado dicir que non a un renovado nicho de negocio que xa dá traballo a máis de 4.500 persoas na rexión (uns 7.000 en cifras da patronal). Por iso, a Xunta acaba de iniciar os trámites para elaborar un plan sectorial de actividades extractivas de Galicia que, según denuncian os críticos en base ao borrador de avaliación ambiental presentado a información pública, simplifica ao máximo o papeleo necesario para explotar novos xacementos e abre a porta a que as compañías poidan instalarse, incluso, en chans especialmente protexidos polo seu valor ecolóxico.

O documento –ante o que xa presentaron alegacións diversas entidades, desde o BNG á Sociedade Galega de Historia Natural– ve a luz nun contexto de crispación, no que cada día son máis os detractores que se opoñen aos novos proxectos en estudo e raro é o día en que a minería non se coa no debate político ou parlamentario.
 
Entre os máis polémicos –incluso a Defensora do Pueblo, Soledad Becerril, o investiga actualmente de oficio e a Comisión Europea xa solicitou información ás autoridades para asegurarse de que cumpre coas directivas comunitarias– atópase o da mina de Corcoesto, que toca tres municipios coruñeses (Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso) e afecta o cauce e o esteiro do río Anllóns. Trátase dun filón a ceo aberto xa explotado polos romanos e abandonado en 1910, que agora quere reabrir a empresa Edgewater Exploration e conta cunha declaración de impacto ambiental favorable. Aínda se atopa en fase de tramitación. A Xunta, que rexeitou participar nesta reportaxe alegando que non fai declaracións sobre proxectos en cernes, paralizouno a semana pasada á espera de que a firma canadense cumprise uns novos requisitos económicos, que non ambientais. A previsión da empresa é crear 271 empregos directos, mentres as plataformas contrarias á súa instalación alertan da perda de máis de mil postos agrarios.
 
Máis casos polémicos
Pero non é o único proxecto posto en dúbida por políticos, ecoloxistas e asociacións veciñais. Outra compañía canadense, Goldquest, está interesada en explotar un territorio que forma parte de dúas reservas da biosfera (Río Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño). na comarca lucense de Fonsagrada, para extraer ouro, prata e chumbo, nunha zona con máis de 500 especies vexetais, moitas delas protexidas. A Consellería de Economía tramitou o permiso de investigación, polo que os xeólogos realizarán probas no terreo aproveitando cortes naturais, pero a explotación deberá ter un informe favorable do departamento de Medio Ambiente.
 
O elevado prezo do ouro e dos metais en xeral animou tamén á misma empresa interesada en Corcoesto, Edgewater, a buscar ouro e prata nos montes coruñeses de Santa Comba e Zas, mentes que outra firma canadense, Medgold Resources, tramita tres permisos contiguos en Pinzás, na localidade pontevedresa de Tomiño, e outra multinacional prepárase para explotar o xacemento aurífero do municipio asturiano de Tapia de Casariego. Nin sequera a máxica paraxe das Fragas do Eume esquiva o rexurdir da actividade, xa que se planea a apertura dunha mina de andalucita a 50 metros do límite do parque natural. 
 
Ata hai días a listaxe de proxectos conflitivos –que se completa coa instalación que planea abrir unha empresa surafricana para buscar coltán e terras raras na Serra do Galiñeiro, en Vigo–, incluía tamén unha mina de feldespatos no concello ourensán de Xinzo de Limia, pero a Xunta xa anunciou que non a autorizará ao considerala incompatible coas 246 explotacións agrarias da zona. 
 
O dilema
E é que aí xurde o eterno debate entre partidarios e detractores dun sector que todos recoñecen imprescindible, pero que ten un innegable impacto na contorna. Coinciden en adoptar medidas para minimizar riscos e pór certos límites. Segundo a patronal, estes deben establecerse caso por caso. Os críticos piden incluír unha prohibición xenérica para actuar en zonas protexidas e obrigar as empresas a planificar a restauración ambiental unha vez pechada a explotación. A polémica segue.

Comentarios