A muller sae do traballo silenciado para facerse visible no agro galego

A presenza das mulleres na actividade agraria vén de antigo pero o seu traballo nas explotacións agrarias sempre foi silenciado e convertido en invisible nas estatísticas.

Boa parte das esforzadas labregas e gandeiras quedaron sempre fóra da foto que retrataba o Réxime Especial Agrario (Reass), ausencia que as arredaba do dereito a percibir unha pensión de xubilación en compensación polo seu traballo. Un “premio” tan merecido como o de calquera traballadora, doutora, empresaria ou avogada.

As limitadas rendas no agro esixían que tan só o ‘cabeza de familia’ figurase á fronte da granxa familiar. Na Galicia fragmentada en miles de microparcelas e pequenas explotacións agrarias, o peto non daba máis de si.

Os tempos mudaron e a tendencia semella comezar a inverterse. O labor destas labregas e gandeiras galegas comeza a aparecer  nas bases de datos do Ministerio de Traballo. En xuño deste ano, case un 62'7% dos 53.000 afiliados galegos ao Reass eran mulleres.

Esa visibilización feminina no rexistro que oficializa o traballo no agro é especialmente salientable na provincia de Lugo, onde este ano representaba un 63,8% dos seus 12.262 afiliados. Por detrás figuran A Coruña –un 45,5% de 13.306 traballadores—, Pontevedra –un 41,2% de 6.824—e Ourense –un 37,8% de 3.801.

Outro dato apunta tamén a esta tendencia a saír do resignado calar prolongado durante décadas, o das 616 solicitudes de mozas decididas a incorporarse á actividade agraria, máis da metade das 1.100 rexistradas.

O que se vale, polo que se fai
Marisol García Freire é secretaria da cooperativa Gandaría O Lameiro, situada no concello coruñés de Frades. A única muller nunha iniciativa que moitos veciños da comarca vaticinaron que fracasaría. Hai cinco anos, decidiuse a fundar unha sociedade que integra a cinco explotacións familiares. Sumaron 700.000 quilos de cota e máis de 200 vacas, entre xovencas e produtoras de leite.

Aos seus 51 anos recoñece ter traballado no agro “máis de media vida”. Non cre que no sector agrario haxa máis machismo que noutros empregos. “E, ¿logo nunha oficina dunha cidade non o vai haber?”, cuestiona. García Freire sostén que cada un ten que demostrar "o que vale co que fai", sen máis.

“Tenche que gustar o agro” sinala Teresa García Ferradal a titular dunha plantación de viñedo do concello lucense de Quiroga. Apostou por aparecer nos papeis que certifican como súas as 4 hectáreas de terreo que traballa. Amais do viño que produce para a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cultiva diversos produtos hortofrutícolas e coida dos animais, ovellas e cabras, en concreto.

“Animaría a que se incorporasen máis mulleres e tamén as máis mozas”, sinala preocupada co abandono que percibe na comarca lucense. “Falta xente para traballar a terra e cos animais”, di, ao tempo que recoñece que os “produtos agrarios deberían estar mellor pagados”.

A sindicalista agraria que se fixo labrega
Pura Seoane traballaba activamente nun sindicato agrario até que hai seis anos optou por emular o labor da súa nai e cultivar unha parcela de hectárea e media no concello coruñés de Vedra. Alí produce hortalizas ecolóxicas que logo vende no Mercado de Abastos de Pontevedra. Amais de dedicarse á cría de ovellas, cabras, galiñas, pitos e até un cabalo.
Non só procuraba un soldo digno da súa actividade, senón poder traballar a carón dos seus fillos e, sobre todo, alimentalos con produtos que considera dunha calidade moi superior.
 
A comercialización dos seus produtos “dá para vivir”, asegura. Tamén para dispor dunha parte deles para o autoconsumo. Iso si, “compre levar por unha mesma o que fas ao mercado”, relata en referencia ás dificultades iniciais dun consumidor que ve como os seus tomates son máis caros que os da competencia.
 
“Quero entusiasmar á xente moza, aos que estean fartos de aturar ao seu xefe, porque o agro pode dar e é importante que saibamos que a opción de ser labregos está aí, e é tan digna como a que máis”, afirma con devoción.  Aínda que lanza un aviso para navegantes, “máis alá das axudas, a supervivencia depende sempre de ter unha diversidade ampla de produtos e se falla a pataca, ter o tomate ou o leite ou o queixo...”.

Comentarios