"Non ten sentido para protexer o fondo mariño masacrar o palangre"

Fronte dunha coalición pesqueira que representa a máis de 7.000 barcos, o vigués Iván López Van der Veen, presidente da Alianza Europea de pesca de fondo, non cre que a presión política e do sector sobre Bruxelas polo seu veto á pesca de fondo en 87 zonas faga que recúe e pon as expectativas na vía xudicial para tombar o que cualifica de "desfeita"
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Generated by IJG JPEG Library

"NESTE NEGOCIO noso, cando non chove sopra o vento". Así responde Iván López Van der Veen, director xeral de Pesquera Ancora, ao preguntarlle pola magnitude do golpe de Bruxelas á pesca de fondo.

Pensaban que se chegaría a isto?

A sorpresa xa a levamos en xuño cando coñecemos a proposta. O que máis nos chama a atención é a falta de interese da Comisión Europea en entender cal pode ser o problema do sector co veto. Toda a pesca europea lle está a dicir que se equivoca. O único que pedimos é que se nos escoite e se atenda a razóns, cousa que non logramos.

Que implica para a frota galega a prohibición das artes de fondo nesas 87 áreas desde o 9 de outubro?

Toda arte que toque o fondo mariño nalgún momento da súa operativa verase afectada. Por exemplo, o arrastre, porque ás veces toca cando arrastramos a rede, sexa en maior ou menor medida dependendo do barco e a zona. O palangre porque toca cas pedras que se usan para fixalo ao fondo. E o enmalle polo mesmo. Meteron todo no mesmo saco pero só estudaron o impacto dalgúns tipos de arrastre.

O feito de que Bruxelas non diferencie o palangre do arrastre é unha das cuestións que crispa ao sector.

É que non ten sentido que para protexer o fondo mariño se masacre á frota de palangre, por exemplo de Celeiro e Burela, que non ten nada que ver co problema. Estamos de acordo coa necesidade de protexer os ecosistemas vulnerables, pois non hai ningún sector que dependa máis da boa saúde do mar que nós. Pero incluso coa mellor das intencións se poden facer verdadeiras desfeitas, e iso é o que fixo a Comisión Europea. Elixiu un método que destrúe as posibilidades de pesca de moitas frotas sen nin sequera cumprir coa obriga legal de estudar o impacto. Co arrastre si o fixo, pero coas artes fixas non, sen ter en conta que as análises nun e noutro caso son completamente diferentes.

A norma veta as artes de fondo entre os 400 e 800 metros nesas 87 áreas, pero o sector denuncia que afectará a profundidades inferiores.

O problema é que pintan con brocha gorda. Se para protexer unha área que está a máis de 400 metros se establece un perímetro de ata 25 kilómetros en torno a ela, en zonas como o Cantábrico pecharanse partes que están a 50 metros de profundidade, nos que pesca a frota do día, que se vería afectada sin comelo nin bebelo. A Comisión Europea pensa que todo está moi lonxe da costa, como nas zonas de Irlanda, pero non é así no Golfo de Cádiz ou no litoral cantábrico.

Poden as artes de fondo causar nalgún caso o dano no que Bruxelas xustifica a súa decisión?

O arrastre ten contacto e altera o fondo? Ás veces si. Tamén o fai un tractor cando sementa o millo. O problema non é se hai ou non alteración, a cuestión é canta, en que zonas e con que frecuencia. Sempre imos ás mesmas zonas, non dependemos dun espazo virxe. A utilización do océano por parte da pesca é xustificable tendo en conta que traemos á terra proteína mariña de alto valor nutritivo.

Hai algunha opción de que o Executivo comunitario dea marcha atrás?

A norma está publicada. A única maneira sería que se retirara, pero a Comisión xa dixo que non o vai facer. Logo a propia lei contempla revisións anuais, que non está claro como se van facer nin os prazos, pero ata daquela estará en vigor.

"A prohibición da pesca de fondo nesas áreas provocará conflictos de actividade noutras e tamén impacto medioambiental"

As presións políticas e do sector non van facer recuar a Bruxelas.

Non. Aquí estamos a falar de dúas posibilidades. Unha é que se cambie un regulamento, que non é sinxelo. A outra pasa por acudir aos tribunais, explicar porqué cremos que esta lei non é válida para que se retire e intentar que haxa una suspensión cautelar. Non é o mesmo que o norma sexa recorrida por un Estado membro que por un pescador. Nós como industria xa estamos a preparar as demandas.

Que argumentos esgrimirán ante a Xustiza europea para tratar de tombar a decisión da Comisión?

Cuestións como a falta de consulta previa, a inclusión no veto de certos segmentos de frota sen ningún tipo de estudo de impacto e as dúbidas sobre a existencia de análises sobre as consecuencias socioeconómicas da medida formarán parte do argumentario. Pero imos deixar que os expertos xuristas da Fundación MarInnLeg traballen nas demandas.

Canto podería tardar a resolución a un recurso deste tipo?

Pode chegar a tardar anos. Por iso sería importante lograr a suspensión cautelar do veto, que se pode pedir tras recorrer a medida. Non é fácil, pero hai que dar pasos.

As frotas doutras zonas sufrirán os danos colaterais da medida?

É algo que vai pasar. A prohibición da pesca de fondo nesas zonas provocará que os barcos afectados se despracen a outras áreas nas que xa haberá frota pescando e iso vai xerar conflitos de actividade. Xa os houbo no seu momento entre artes fixas e móbiles por razóns obvias. Un arrastreiro que se está desprazando e un palangre poden molestarse. Despois de anos chegouse a equilibrios entre artes e barcos de diferentes nacionalidades que se van ter que crear de novo, o que vai xerar unha tensión innecesaria no mar. Ademais, o veto terá impactos medioambientais, pois non é o mesmo que nunha zona pesquen dez barcos que cen.

A presión do ‘lobby’ medioambientalista surtiu efecto para que Bruxelas vetara a pesca de fondo?

Aquí xorde outra gran pregunta. Quen está detrás desas oenegués, cales son os seus obxectivos e quen as está a financiar. É sorprendente a coincidencia de que cando nos apartan a nós dunha zona de pesca aparece en Canadá un pozo petrolífero, en Europa muíños de vento... Ata que me demostren o contrario vou ter esa sospeita.

Comentarios