O Estado investirá en bolsa o 10% do fondo das pensións

O Goberno central vai investir en Bolsa un 10% do fondo nacional para as pensións. A nova lei do fondo de reserva, que o Goberno presentou no Congreso dos Deputados o venres, establece que unha porcentaxe do 'peto das pensións' se invista en valores de renda variable, coa intención de aumentar o seu rendemento.

Hoxe, o ministro de Economía e vicepresidente segundo do Goberno, Pedro Solbes, avanzou nunha entrevista na Cadena Ser, cal será a porcentaxe do fondo de reserva que se baralla adicar á Bolsa, "en torno ao 10%". Estímase que o fondo de pensións contabiliza na actualidade 40.000 millóns de euros, polo que a parte que se investiría en renda variable rondaría os 4.000 millóns.

Segundo o ministro de Economía, o feito de que os fondos que garanten as pensións dependan do Dow Jones, non conleva riscos, posto que "se se fai ben, é algo que non debería provocar ningún temor". Lembrou que a porcentaxe que se investirá é relativamente pequena, e explicou que "se faría licitando entre as distintas xestoras, escollendo aquelas que ofrezan unhas mellores condicións, (...) as que o fixesen mellor seguirían xestionando o fondo, e as que non serían substituídas por outras".

Solbes asegurou que, co obxectivo de garantir o fondo para as pensións e incrementalo, "a renda fixa é unha opción, pero non se poden desprezar as posibilidades que pode ofrecer que ese fondo se invista en renda variable".

España non é o primeiro país que se propón incrementar os seus fondos de pensións grazas ao mercado de valores. Francia, Irlanda ou Noruega chegan a investir na Bolsa máis do 40% dos seus fondos de reserva.

Comentarios