Os parques eólicos terán que pagar o triple de impostos de bens inmobles

muiños.jpg
photo_camera muiños.jpg

Os parques eólicos terán que cotizar como bens inmobles de características especiais, o que permitirá que os concellos poidan triplicar a recadación que reciben a través do Imposto de Bens Inmobles (IBI), ó pasar dun tipo impositivo do 0,4 ó 1,3. Así o establece unha sentenza do Tribunal Supremo coñecida hoxe, e que é froito dun recurso presentado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ó Real Decreto 417/2006, que excluía ós parques eólicos de cotizar como bens destas características.

A medida foi ditada pola sección segunda da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo e será de aplicación en todo o ámbito nacional. O presidente da Fegamp, Xosé Crespo, recoñeceu que a sentenza "é un regalo para todos os concellos de España". Ó seu xuízo, ás eólicas logran cada ano "xogos beneficiosos" mentres que os concellos permanecen "como convidados de pedra" na explotación desta actividade. "A partir de agora haberá un punto de inflexión. Xa está ben de que as empresas mexen por nós e digamos que chove", manifestou Crespo

O recurso farase efectivo no 2008, unha vez que os concellos elaboren a correspondente ordenanza. Este trámite poderase levar a cabo en setembro, segundo explicou o máximo responsable da Fegamp, aínda que os rexedores recibirán o asesoramento da entidade supramunicipal para levar a cabo os trámites correspondentes.

Repercusión económica
Como exemplo da repercusión desta sentenza, un concello cun parque eólico de tamaño medio de entre 30 e 40 megavatios recada na actualidade arredor de 20.000 euros a través do IBI, dependendo da potencia instalada e a extensión do terreo.

Pero co novo tipo impositivo, os ingresos municipais por este concepto poderían superar con normalidade os 100.000 euros, aínda que en Galicia danse casos de municipios como Muras ou Abadín, que contan con máis dunha ducia de parques eólicos no seu territorio e que verán aumentados considerablemente os ingresos procedentes do IBI.

Segundo a organización, esta noticia supón "un recoñecemento" ós postulados defendidos pola Fegamp nesta materia, xa que a entidade galega coordinou a defensa dos intereses dos municipios españois que pertencen á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Comentarios