Os xubilados galegos cobran unha media de 624 euros

A pensión media de xubilación en Galicia alcanzou a día 1 de agosto os 623,9 euros, o que supón un incremento do 5,3% durante o último ano. Con todo, os xubilados galegos mantéñense como os que menos cobran de toda España, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.

En Galicia son xa 433.747 xubilados os que reciben unha pensión do Estado. A cantidade que cobran cada mes é un 19,2% inferior á media española, que se sitúa nos 761,8 euros. As comunidades coas pensións de xubilación máis altas seguen a ser o País Vasco, Asturias e Madrid.

Outras pensións
En conxunto, o Ministerio de Traballo ten rexistradas en Galicia un total de 702.683 pensións contributivas. Delas, a maioría son de xubilación (máis de 433.000). O resto divídense en pensións de viudez, de incaparcidade, orfandade e de favor de familiares.

A contía da pensión media contributiva ascende en Galicia aos 563,3 euros, o que representa un incremento do 5,1% respecto ao mesmo período de 2006. Esta cifra é un 16,6% inferior á pensión media do conxunto do Estado, situada en 675,1 euros.

O Ministerio de Traballo contabiliza en toda España case 8.286.000 pensións, das que unhas 4.869.000 son de xubilación.

Comentarios