Rita Míguez: "A pesca é rendible; falta xente que crea que pode vivir deste traballo"

Esta mariscadora namorada da súa profesión está á fronte de Anmupesca desde que se creou en 2016 para visibilizar o papel da muller no sector e conquistar máis dereitos. Logo de acadar melloras na idade de xubilación, reivindican ver recoñecidas máis enfermidades profesionais
Rita Míguez. ÓSCAR VIFER
photo_camera Rita Míguez. ÓSCAR VIFER

EMPEZOU A mariscar hai preto de dúas décadas grazas ao exemplo da súa sogra e coa idea de que podía conciliar o traballo coa crianza dos seus dous fillos. O oficio enganchouna tanto que Rita Míguez (Cesantes, 1973) chegou a ser patroa maior da confraría de Arcade e hoxe é a voz da pesca en feminino.

Noraboa por lograr que mulleres do mar como mariscadoras, redeiras e percebeiras poidan adiantar a xubilación. Por que era tan importante ver cumprida esta vella demanda?
Son dous tipos de reivindicacións. Por un lado, a demanda dos coeficientes redutores para as redeiras, que o viñan demandando desde que se constituíron como asociación en 2004. Por outro, a equiparación do coeficiente das percebeiras e o marisqueo a pé, desenvolto sobre todo por mulleres e que estaba nun 0,10, ao do marisqueo a frote, que levan a cabo sobre todo homes, situado nun 0,15. Conseguimos que se fixase para todos os colectivos nun 0,15, algo que non só é de xustiza senón tamén necesario polas duras condicións nas que traballamos e que non permiten chegar á idade de xubilación cunha calidade de vida óptima.

Que implica na práctica ter recoñecido ese coeficiente redutor do 0,15?
Significa que por cada dez anos cotizados se reduce un ano e medio a idade de xubilación. É dicir, se unha traballadora leva cotizados 40 anos no réxime do mar, con ese coeficiente a súa idade de xubilación redúcese en 6 anos, polo que en lugar de xubilarse aos 67 anos, podería facelo aos 61.

Como inflúe a dureza da actividade destes colectivos na súa saúde?
Todas as profesións da pesca son moi duras e extremas, pero as mariscadoras, percebeiras e redeiras enfrontámonos a unhas condicións particulares. Todas traballamos á intemperie, as mariscadoras e percebeiras parando as ondas co corpo, e as redeiras en portos sen instalacións mínimas como poden ser aseos ou lugares nos que cambiarse. Estamos expostas á chuvia e a temperaturas extremas, sen aparellos ergonómicos, herdados das nosas nais e avoas, sen apenas innovación e melloras. Todo isto inflúe na aparición de doenzas derivadas dos nosos traballos que logo non son consideradas como baixas profesionais, senón como comúns, o que diminúe os nosos dereitos sociolaborais.

Unha das reivindicacións que seguen pendentes é a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais. Cales teñen recoñecidas agora as profesionais vinculadas ao mar e cales se deberían incorporar?
Na actualidade temos recoñecidas só doenzas lumbares e tamén o túnel carpiano para o colectivo de redeiras, pero a realidade é que estamos a ter baixas comúns por doenzas relacionadas cos nosos traballos como cancros de pel pola excesiva exposición ao sol; doenzas oftalmolóxicas pola reverberación no mar e nos portos e pola falta de iluminación axeitada en naves de redes; fungos na pel por exceso de humidade; infeccións de urina polo continuo contacto coa auga; ou irritacións na pel por contacto con substancias nocivas derivadas de traballos da reciclaxe, entro otras. Hai moito que revisar.

Un estudo da Universidade de Vigo constata que a saúde das rías galegas é unha das ameazas para o futuro do marisqueo. Hai unha baixada preocupante da produtividade?
Efectivamente é un tema que nos preocupa. Hai uns días tivemos unha reunión con representantes das profesións da pesca das respectivas rías galegas e todas coincidían precisamente nisto, na baixa produtividade das rías galegas. Estamos pendentes dunha reunión coa conselleira de Mar que solicitamos para abordar esta cuestión que nos preocupa a todas as mariscadoras, pois é a base económica de moitas familias.

Pódese actuar dalgún xeito sobre los efectos do cambio climático para frear esa situación?
Desde Anmupesca estamos traballando na organización dun foro sobre o efecto do cambio climático nas augas co fin de analizar posibles alternativas. Está claro que unha concienciación social sobre a necesidade de coidar o medio ambiente é fundamental.

Outro dos puntos débiles aos que alude o estudo é a falta de relevo xeracional. Está a ser moi difícil atraer xente nova a profesións como as de redeira ou mariscadora? Como evoluciona a incorporación de mozos ao sector?
Moi lentamente. Está claro que a profesionalización das nosas actividades é fundamental, do mesmo xeito que o é que as ensinanzas destas profesións sean accesibles aos nosos mozos e mozas. O sector da pesca é rendible, pero falta que a xente crea realmente que pode vivir deste traballo. Non hai que esquecer que é un motor fundamental no desenvolvemento económico de Galicia e que del viven milleiros de familias.

Hoxe en día pódese vivir destas actividades cun soldo digno?
Depende das profesións. As mariscadoras e percebeiras case que si, pero as redeiras non chegan, de media, ao salario mínimo.

Que dereitos lles quedan por conquistar ás mulleres do mar?
Moitos, pero fundamentalmente o de estar presente nos foros e ámbitos onde se toman decisión que teñen que ver cos nosos traballos. Queremos participar, temos experiencia, coñecemento e cousas que dicir e queremos opinar para mellorar as condicións dos nosos traballos porque ninguén mellor que nós para dicir como podemos mellorar nas nosas ocupacións.

Que aspectos son os que máis poden mellorar nas condicións laborais das mulleres na pesca?
Desde as instalacións onde traballamos á indumentaria e os aparellos que empregamos, o recoñecemento das enfermidades profesionais, as xestións administrativas ou a conciliación.

Perciben que o importante papel da muller no mundo do mar vai gañando visibilidade?
Por suposto, e máis nos últimos anos. Hoxe o noso traballo é valorado e coñecido pola sociedade, algo que antes non sucedía. Incluso profesionais como as pescantinas son recoñecidas e contan con elas para aconsellar e amosar os distintos peixes e formas de cociñalos.

Como está a afectar ás profesionais vinculadas co mundo do mar o encarecemento de custos como o gasóleo ou a electricidade?
Aféctamos directamente. Por exemplo, a mariscadoras e percebeiras inflúenos polos barcos que nos trasladan ás zonas de marisqueo a pé e tamén cando nos temos que trasladar nos nosos vehículos dunha zona a outra para realizar labores de vixilancia ou dun porto a outro para traballar.

Que é o mellor da súa profesión?
O contacto co medio mariño e a solidariedade das xentes do mar.