Santiago Lago: "A Galicia úrxenlle os 700 millóns, pero a vía xudicial non é a mellor"

O Director do Foro Económico de Galicia incide en que o Goberno en funcións debe pactar unha solución para desbloquear xa a transferencia dos 7.200 millóns que reclaman as comunidades
MARTA G. BREA. 18.6.12, VIGO.- ENCUENTRO SOBRE LA ECONOMIA GALLEGA, OPORTUNIDADES Y PROPUESTAS EN EL MARCO DE LA UNIVERSIDAD INTERNACIONAL MENENDEZ PELAYO EN EL CLUB FINANCIERO VIGO (CFV). EL ECONOMISTA Y PROFESOR SANTIAGO LAGO PENAS, CONFERENCIANTE Y DIRECTOR DEL CURSO.
photo_camera O catedrático de Economía Aplicada da UVigo Santiago Lago. EP

INTEGRADO POR empresarios, académicos e xornalistas de ideoloxías diversas, o Foro Económico de Galicia leva dez anos analizando a evolución do tecido produtivo galego e cuestións claves como as infraestruturas ou as políticas fiscais. A finalidade é xerar debate sobre os desafíos do país e formular receitas que sirvan de guía para as políticas públicas. Á fronte deste think tank, Santiago Lago repasa os retos inmediatos da comunidade.

Cal é a posición do Foro ante o risco de que o país se vexa abocado a unha nova convocatoria electoral ante a incapacidade dos grupos políticos para chegar a acordos?
A discusión e a busca de xeito construtivo e leal de puntos en común entre persoas con ideoloxía diferente van no ADN do Foro. Esa é a receita para afrontar as urxentes reformas en políticas públicas e marco institucional que precisa España; e é o xeito de acadar fórmulas de goberno estable no escenario de fragmentación electoral no que vivimos. Unhas novas eleccións van mudar pouco isto. O diálogo e o consenso son inevitables para normalizar a situación.

Que impacto está a ter a falla de Goberno e de orzamentos na actividade económica?
Comparativamente, é peor no que atinxe á actividade pública. Coa velocidade á que vai mudando o mundo non podemos permitirnos estar anos con orzamentos prorrogados e a sensación de que se está de paso polos ministerios. As empresas necesitan maiores doses de certeza para tomar as súas decisións. Xa teñen dabondo coa incerteza propia do seu negocio.

A Xunta leva meses reclamando ao Estado 700 millóns de financiamento que seguen bloqueados. Debera reclamar esa débeda pola vía xudicial como Cataluña?
É lóxico e xusto que eses cartos sexan transferidos ás comunidades. Son delas. Pero creo que a vía xudicial non é a mellor, por dous motivos. Primeiro, porque calquera proceso xudicial prolóngase no tempo e necesitamos unha solución en cuestión de semanas. E segunda, porque o marco xurídico actual, lido literalmente, pode darlle a razón á Administración central. Precisamos unha solución técnica artellada polo Goberno en funcións co apoio explícito das outras forzas políticas, para evitar que isto se convirta logo nun boomerang para o Executivo central.

A industria galega non está en crise. Dende o ano 2000 foi unha das comunidades con mellor comportamento industrial

Debera introducirse algún cambio no sistema de financiamento autonómico para impedir que no futuro estas situacións de interinidade poidan afectar ao financiamento dos servizos públicos?
Si, sen dúbida.

O bloqueo destes fondos vai comprometer o obxectivo de déficit ao que Galicia debe aterse este ano?
Por suposto. A cifra é de tal magnitude que non recibir estes recursos altera completamente a programación orzamentaria. Ou recortamos o gasto previsto ou multiplicaremos o déficit. Non hai outra.

As exportacións galegas acumulan no que vai de ano unha caída do 10% co lastre que supón o descenso da demanda dos principais socios comunitarios, co que a demanda interna é a que tira do crecemento. Hai risco de que España e Galicia volvan á recesión, o que está a piques de suceder en Alemaña?
Para as economías galega e española a recesión está aínda lonxe. Primeiro, porque a desaceleración colleunos partindo de crecementos por riba do 3%, e iso dáche máis marxe. E segundo, porque o noso ciclo marcha cunha certa asincronía. A recesión foi máis dura e tardamos máis en entrar na fase crecente. Decisións de gasto das familias e investimento das empresas que foron aprazadas pola incerteza e o pesimismo estanse concretando aínda agora. Non prevexo que en 2019 ou 2020 vaiamos entrar en recesión, aínda que si continuará a desaceleración. Este ano remataremos en Galicia e en España cun crecemento do PIB algo por riba do 2%; e en 2020 iremos cara ao 1,5%. Pero sempre no terreo positivo.

O BCE prevé reactivar os estímulos ao crecemento en setembro. A Draghi quédalle capacidade de manobra para endereitar países como España, que non completou as reformas en campos como as pensións, o eido laboral ou o adelgazamento das administracións?
Realmente, as reformas pendentes son máis relevantes para as perspectivas orzamentarias e económicas a medio e longo prazo. No curto prazo as forzas máis relevantes son outras. A marxe da política monetaria é moi escasa. Estamos xa nun contexto de tipos de xuro negativos. O que precisamos a escala europea é tirar da política fiscal. E posto que o orzamento europeo non ten entidade nin ferramentas de estabilización automática —o déficit non é unha opción—, o lóxico é que países que teñen máis marxe fiscal, comezando por Alemaña, a utilicen. E, en paralelo, deamos pasos para contar con ese orzamento europeo común no medio prazo.

Moitas empresas, sobre todo de bens de equipo, deixaron de vender a Reino Unido ao paralizarse o investimento empresarial

Nos últimos meses, fomos testemuñas das dificultades de Alcoa, Ferroatlántica, a caída de Vulcano, o parón das térmicas de As Pontes e Meirama polo encarecemento dos dereitos de emisión de CO2 e de que o Grupo Puentes negocia a súa venda a un investidor chino. O tecido industrial está en crise?
Nego a maior. Se collemos como referencia o ano 2000, Galicia foi unhas das comunidades que mellor comportamento industrial tiveron, por riba de Cataluña ou o País Vasco. Isto é compatible con casos concretos de empresas e fábricas con problemas de diversa natureza. Nalgúns casos por mudanzas na normativa, noutros por problemas de sucesión na empresa familiar que aconsellan a venda, ou mesmo por problemas reais de xestión. O desafío de futuro é apostar por actividades e iniciativas máis intensivas en tecnoloxía, capital humano e innovación. Galicia ten pouco que facer se o relevante á hora de competir é ter custos laborais baixos ou unha normativa ambiental laxa. Haberá cousas que teremos que ir deixando de facer para pasar a outras.

Entre os retos que se albiscan no curto prazo está o risco de que o 31 de outubro se impoña un Brexit sin acordo. Galicia está preparada?
O Brexit é malo para Europa e, particularmente, para os británicos; e un Brexit duro, hoxe moi probable, é o peor que pode pasar. Neste contexto, Galicia non é das autonomías máis afectadas. O turismo británico non é tan relevante como para outras partes de España. Ademais, parte dos efectos do Brexit xa os estamos padecendo porque moitas empresas, sobre todo de bens de equipo, deixaron xa de vender a Reino Unido pola parálise do investimento empresarial alí, froito da incerteza. Sen dúbida, haberá sectores que empeorarán as súas perspectivas, pero para o conxunto da economía galega non será un shock moi relevante.

Comentarios