O sector das verbenas mobilízase: "Non superamos outro verán sen festas; agonizamos"

Levan ao Parlamento as súas reivindicacións para pedir un protocolo de cara ao verán, créditos e axudas directas
Protesta del sector de ferias y verbenas ante el Parlamento. ÁLVARO BALLESTEROS
photo_camera Protesta do sector de feiras e verbenas ante o Parlamento. ÁLVARO BALLESTEROS

Galicia é dende o 14 de marzo de 2020 un territorio ermo de romarías e verbenas. A pandemia varreu do mapa a xolda, abocando ao desemprego a traballadores das orquestas, feirantes e a miles de familias con negocios de polbo, churrasco, cantinas ou carpas, que vivían do ocio ata que o covid mudou tódolos esquemas. "Estamos agonizando, non resistiremos outro verán sen festas". É a chamada de socorro que lanza o polbeiro Amador Porta, o vicepresidente de Servizos de Festas de Galicia (Serfega), unha asociación que se constituíu formalmente en agosto e que representa unhas 400 empresas das que dependen 4.000 familias.

O colectivo manifestouse este mércores ante o Parlamento de Galicia con tres reivindicacións centrais: un protocolo "viable" para resucitar as festas este verán; créditos do Igape con condicións vantaxosas e "un rescate" con axudas directas para que os negocios que lograron manterse a flote poidan voltar á actividade. "Temos que pasarlle a ITV aos vehículos, pasar as inspeccións dos equipos de frío das furgonetas, pagar os seguros, afrontar o alugueiro de naves e letras que aboar ao banco", constata este empresario da Estrada, que leva máis de 30 anos en activo. El mesmo se viu obrigado a pedir un préstamo de 30.000 euros para poder subsistir. Estirou os cartos, pero esgotáronse e agora precisa axuda para "volver arrincar". Ante un panorama incerto, incluso optou por reinventarse acudindo ás feiras e mercados populares e levando o prezado cefalópodo ás portas dos bares con postos propios. Así foi como a semana pasada puido volver dar de alta na Seguridade Social tres traballadores que levaban meses en Erte. Antes de que a pandemia fixese estragos eran un equipo de once.

[A directiva de Serfega, que preside José Veiga Cruz. EP]A directiva de Serfega, que preside José Veiga Cruz. EP

Serfega —que, entre outros colectivos, representa os intereses de polbeiros, bares, pirotécnicos, vendedores de xeo para a hostelería e electricistas, exceptuando as orquestras e os feirantes, que teñen plataformas propias— demanda unha reunión co vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda. De feito, xa lle remitiron un escrito, ao igual que ao presidente Feijóo. Froito dos contactos mantidos co Goberno galego dende xuño de 2020 e despois das eleccións autonómicas de xullo, a asociación sostén que atara tanto axudas a fondo perdido como créditos con aval do Igape.

Amador Porta. EP

"Ata o día de hoxe non obtivemos resposta", asegura Porta, que sinala que, logo de manter contactos cos grupos políticos, BNG e PSdeG rexistraron no Parlamento de Galicia senllas propostas para instar á Xunta a reunirse co colectivo coa fin de definir un plan de apoio e un protocolo sanitario para que poidan volver ao traballo. 

REGRAS DE XOGO. No tocante a pautar unhas regras para que poidan volver celebrarse festas durante a época estival, o colectivo rexeita que se limiten os aforos a un tope de 500 persoas en espazos cunha superficie de ata 8.000 metros cadrados como se fixou para reabrir as atraccións de feira. Porta tamén incide en que "a comisión de festa non pode ter que responder polo que pase no campo da festa" no que toca ás posibles concentracións de non convivintes ou ao uso da máscara, un labor que Serfega considera que corresponde aos concellos a través da Policía Local ou de Protección Civil. Nesta liña, a organización tamén rexeita que as autoridades poidan suspender os festexos de detectarse algún grupo incumpridor.

Comentarios