"Ter esta experiencia laboral diferencioume e incorporeime a un posto de consultora"

A pontevedresa Lara Vázquez Pereiro foi bolseira do Igape entre 2016 e 2018 e estivo destinada en Perú e Bruxelas, co que ampliou a súa visión do comercio internacional
Lara Vázquez Pereiro.EP
photo_camera Lara Vázquez Pereiro.EP

Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e máster en Dirección e Xestión do Comercio Exterior, Lara Vázquez Pereiro, tiña claro que quería forxarse como profesional no estranxeiro unha vez rematada a súa formación académica. Atopou a súa oportunidade no programa do Instituto Galego de Promoción Económica e sinala que o que aprendeu lle abriu novas portas no mercado laboral. Entre os desafíos que teñen por diante as firmas galegas na súa saída ao exterior, sinala unha maior innovación.

Como foi a súa experiencia como bolseira do Igape en internacionalización e canto tempo durou?

Solicitei a bolsa na convocatoria 2016 para poder contar con experiencia laboral no eido internacional fóra de España. Foi unha grande experiencia de dous anos que me permitiu adquirir unha visión máis completa do comercio internacional. Durante os tres primeiros meses estiven nas oficinas do Instituto Galego de Promoción Económica en Santiago coñecendo os programas e servizos da entidade. Nese tempo contactei e visitei empresas galegas interesadas no mercado ao que me ía incorporar.

E logo desta formación, a que lugares foi destinada?

O primeiro ano estiven en Lima e, despois, fun a Bruxelas.

Unha vez alí, que tipo de traballo tivo que desempeñar?

Realicei análise de mercados e detección de oportunidades para empresas galegas, confección de axendas de negocios, misións comerciais inversas, informes e estudos de mercado, entre outros labores propios das oficinas comerciais e organismos intermedios. Participar nesta experiencia como bolseira do Igape abre portas no eido laboral? Ter esta experiencia no meu perfil profesional diferencioume. Despois de ser bolseira, incorporeime a un posto como consultora de comercio internacional asesorando empresas que desexan saír ao exterior.

As empresas precisan apoio e asesoramento na súa saída tanto aquí coma nos mercados destino, especialmente fóra da UE

Que retos considera que ten por diante o empresariado galego se quere avanzar no eido da internacionalización?

As empresas precisan apoio e asesoramento na súa saída, tanto aquí coma nos mercados destino, especialmente fóra da Unión Europea. Unha maior innovación no seo das compañías, dispor de persoal con coñecemento de comercio exterior e saber as súas necesidades de financiamento cando queren acceder a outros mercados son algúns dos principais retos que afrontan.