As vendas industriais galegas medraron un 13% no 2006

O sector industrial galego alcanzou unha facturación de 27.955 millóns de euros en 2006, o que supón un incremento do 12'9% respecto ó ano anterior. Estas cifras sitúan a Galicia como a segunda comunidade na que máis creceron as vendas industriais no último ano, só por detrás de Asturias (17'1%). Segundo reflicte a 'Enquisa Industrial Anual de Produtos' elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), as vendas industriais en Galicia medraron máis de tres puntos por enriba da media estatal (9'3%), e duplicaron o incremento rexistrado noutras comunidades como Cantabria, Baleares ou Navarra.

Con estas cifras, a industria galega para a representar por facturación do 6'7% do total estatal. As comunidades con maior peso no sector industrial seguen sendo Cataluña (23'7%) e Andalucía (11'2%) aínda que as súas vendas incrementáronse no 2006 a menor ritmo que a media galega.

A nivel estatal, Galicia foi tamén a segunda comunidade que máis facturou en dúas actividades concretas: a madeira e a cortiza, e o material de transporte. No primeiro caso, Galicia concentrou o 16'5% de todas as vendas contabilizadas en España mentres que no material de transporte, aglutinou o 12% de toda a facturación estatal desta actividade, só superada por Cataluña, cun 24'7%.

Actividades
Os datos do INE tamén poñen de manifesto que actividades como a automoción, a alimentación e a enerxía seguen sendo os principais referentes da industria galega. En concreto, as vendas de material de transporte alcanzaron unha facturación de máis de 6.768 millóns de euros, o que representa o 24'2% de todas as vendas alcanzadas pola industria galega.

Respecto ó resto de actividades, a produción, transformación e fundición de metais logrou unha facturación de 2.142 millóns (7'7% do total); a venda de produtos metálicos facturou 1.852 millóns (6'6%); e o téxtil e a confección, 1.452 millóns.

Comentarios