Xoán Vázquez Mao: "O roaming, como as preferentes, é un produto artificial para especular"

En pé de guerra contra os prezos que cobran as operadoras por usar o teléfono no estranxeiro, o Eixo Atlántico, entidade da que é secretario xeral, vén de impulsar unha campaña 'online' de recollida de sinaturas para apoiar ao Parlamento Europeo e acabar "coa última fronteira de Europa" xa este mesmo ano
Xoán Vázquez Mao
photo_camera Xoán Vázquez Mao

Garto de que prevalezan os intereses das grandes corporacións fronte aos da cidadanía coa «complicidade» duns gobernos que "pagan os favores políticos" con postos nos consellos de administración, Vázquez Mao insta a todos os galegos a mobilizarse de forma pacífica na rede para esixir aos estados membro que non veten a proposta da Eurocámara para poñer fin ao roaming telefónico en decembro de 2015. Só hai que entrar en change.org/zeroroaming e asinar a petición para acabar cun sobrecargo inxusto que prexudica a millóns de persoas.

Por que debe eliminarse o roaming?

Porque é unha montaxe das grandes operadoras, forma parte dese conxunto de produtos de laboratorio financeiro que se crearon para especular a costa dos cidadáns. A lóxica do roaming non é diferente da das preferentes ou as subprime: intentar gañar máis cartos creando produtos artificiais. Non é crible que Vodafone España teña que pagarlle unha peaxe a Vodafone Inglaterra para facer roaming. Polo tanto, a súa desaparición non ten ningún problema de custo de produción para as operadoras, só falan de deixar de gañar.

Pero si ten un prexuízo para a xente.

Ese sms que te avisa cando pasas a outro país de que entras noutra operadora é a última fronteira de Europa. O primeiro impacto é económico. En voz baixou moito, pero en datos segue sendo abismal e, de feito, todos temos que desconectalos porque son prezos salvaxes. Pero o prexuízo non é só sobre o turismo, hai moita xente que viaxa por traballo, os erasmus...

E nas zonas de fronteira coma o sur galego aínda será maior.

Aí hai un segundo problema, porque hai moita xente que traballa a ambos lados da raia. Ademais, as operadoras invaden o espectro de cidades fronteirizas sen pedir permiso e ti estás en Tui chamando á túa casa e sen darte conta entrou a rede lusa e estás pagando roaming cando non saíches a Portugal.

Por un lado foméntase a cooperación transfronteiriza e por outro penalízase. Contraditorio, non?

Absolutamente. De feito hai países nos que xa desapareceu o roaming, por exemplo entre Bélxica e Luxemburgo ou entre os balcánicos, para favorecer esa cooperación. Polo tanto é factible.

En algo máis dunha semana superan xa as 45.000 firmas. Satisfeito?

Iso significa que a xente está sensibilizada, pero aínda non estamos a velocidade de cruceiro. Estes días houbo incorporacións importantes, porque isto facémolo coa Ocu española e a Deco portuguesa e agora sumáronse holandeses, gregos, franceses e ingleses. E hai que traducir a petición.

Cantas firmas aspiran a acadar?

Polo menos temos que pasar do medio millón. Non temos testado o que pode ser a campaña en Europa, onde non temos a costume de asinar en internet. De momento vemos moi boa receptividade.

Que lle diría a quen pensa ‘eu non viaxo, non me afecta, non firmo’?

Que non estamos xogando só o concepto de roaming. Ou respondemos todos solidariamente ante calquera abuso das grandes corporacións coas complicidades que teñen nos estados ou verán que non hai capacidade de resposta na cidadanía. É como o poema de Bertolt Brecht: ‘Cando os nazis viñeron polos comunistas gardei silencio, porque eu non o era. Cando viñeron a buscar aos xudeus, non falei, porque eu non era xudeu. Cando viñeron a buscarme, non había ninguén máis que puidera protestar’. Isto é a mesma filosofía.

O tema está negociándose en Bruxelas. Quen é quen nese proceso?

A negociación é un paripé. Agora estase nun proceso de codecisión, que é a forma na que camuflan os estados o dereito de veto en Bruxelas. ¿Para que temos un Parlamento se cando hai un consenso entre a Comisión e a Eurocámara os estados o tumban? ¿Para que están os eurodiputados cobrando 12.000 euros ao mes? O primeiro que din e que van buscar unha solución intermedia ata 2018 e que aí ‘xa falaremos’. Para disimular propoñen crear un paquete básico e que se pague o exceso, pero a proposta que fan é humillante: cinco minutos, cinco megas e cinco SMS ao mes libres de roaming. É un insulto.

Cal é a posición de España?

Foi un dos tres países que liderou a posición contraria á desaparición do roaming xunto a Francia e Portugal. E agora sumouse Grecia. Levamos tres anos pedindo a Rajoy e Passos Coelho que resolvan o tema entre España e Portugal, pero non queren. ¿Porque onde traballa Zaplana? ¿En que consello de administración estaba Rato ata que o detiveron? ¿En cal o xefe da casa real do anterior rei? As grandes empresas non os contratan por expertos, pagan así favores políticos.

Polo que di parece case imposible que o roaming desapareza este ano.

A posibilidade real está na mobilización. En conseguir as firmas para presentarnos en Bruxelas e dicirlles que hai centos de miles de europeos que non están de acordo e votarán cando cheguen as eleccións. Por iso hai que entrar en change.org/zeroroaming e asinar, para recordarlles aos políticos que son elixidos para atender as necesidades da xente e non só da banca, das operadoras e compañías aéreas. Porque xurde a sospeita de que se son tan ben tratados será porque están contribuindo á saúde económica dos partidos. Aínda que eu non digo que sexa así.

¿Como se articularía a eliminación do roaming se sae adiante?

Homologaríanse as tarxetas SIM como pasou cos dispositivos das autoestradas portuguesas, que cando houbo vontade política en dous meses os sistemas estaban interconectados. E todas as chamadas dentro de Europa figurarían como nacionais de acordo co plan que teña contratado cada un.

Habería risco de que as operadoras compensasen a perda de beneficio cunha alza desas tarifas nacionais?

Iso o poden facer cando lles pete, o único que llo impide son as regras do mercado e o control da competencia para que non pacten prezos. A caída do roaming facilitaría a entrada de máis compañías europeas no xogo e a competencia afectaría aos prezos á baixa.

Comentarios