miércoles. 21.10.2020 |
El tiempo
miércoles. 21.10.2020
El tiempo

Yolanda Díaz: "Hai que pelexar xuntos por outra ubicación para Ence"

Yolanda Díaz, en Pontevedra. JAVIER CERVERA
Yolanda Díaz, en Pontevedra. JAVIER CERVERA
Aposta por derrogar a reforma laboral, fala da necesidade de "salarios dignos para reactivar a economía" e de que se aplicará a lei "con dureza" a aquelas empresas que cometan fraude nos Erte

CHEGA Á redacción de Diario de Pontevedra en compañía da súa filla, de dúas asesoras e de dous escoltas despois de saudar pola rúa a veciños que lle piden fotos e lle agradecen a súa xestión no Goberno central. Yolanda Díaz (Fene, 1971) repasa nesta entrevista os seis primeiros meses á fronte do Ministerio de Traballo, nos que pechou catro acordos laborais cos axentes sociais, algúns deles marcados pola crise xenerada pola pandemia do coronavirus.

Este venres Pedro Sánchez escenificou na Moncloa o novo pacto con patronal e sindicatos. Que papel xogou vostede nesa negociación?
É unha acción do Goberno, pero todas as negociacións en materia de traballo se desenvolven dende o Ministerio de Traballo e Economía Social. Teño que darlles as grazas ás máis de 20 persoas que conforman os equipos técnicos do Ministerio, da CEOE, de Cepyme, de CC OO e de UGT, que o fi xeron posible. A xente pensa que (un acordo) é ir alí a asinar. Estamos moitísimas horas na trastenda.

Por que vostede non saíu na foto?
Non me preocupan esas cousas. Eu o que fago é traballar. Non me importan as fotos. Se antes da pandemia non durmía, agora moito menos. Eu téñoo claro: o que poida facer para mellorar a vida da xente do meu país vouno facer. O demais son distraccións de políticos.

Os traballadores que aínda non cobraron o Erte é porque houbo defi ciencias de xestión por parte das empresas

Nese acordo prevese inxectar 10.000 millóns de euros a empresas estratéxicas, entre elas, as aeroliñas (como Iberia). Cónstalle que xa se pedira algún rescate?
Non. O fondo está pensado para empresas estratéxicas e solventes que pararon durante a pandemia. É dicir, fuxe dos vellos tempos nos que o que se facía era socializar perdas. De momento non hai peticións formais.

O Goberno ampliou ata setembro os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego. Haberá máis prórrogas, como pide a patronal?
Os Erte viñeron para quedarse na nosa lexislación. Son unha ferramenta de acompañamento ás empresas e aos traballadores e traballadoras cando o precisen. Non ten sentido que fixeramos un esforzo público importantísimo, que permitiu salvar máis de 550.000 empresas no conxunto no Estado, a máis de 3,4 millóns de traballadores, dos que agora están reactivados un millón e medio, para despois deixalo caer. É certo que sempre hai negociacións no Goberno, con miradas diferentes... Pero a min non me gusta poñer datas. Ogallá que o 30 de setembro non teñamos que acudir a esta ferramenta, pero non ten sentido que deixemos desplomar todo.

Estamos a rematar a negociación de dúas normas: a de igualdade retributiva e a dos plans de igualdade nas empresas

Canto máis se pode seguir planificando sen Orzamentos?
O Orzamento é a ferramenta máis relevante para un Goberno. Son da opinión da necesidade de telo canto antes. Cos actuais, o nivel de gasto público nos Erte e na protección social é asumible ata fi nais de ano.

Os Erte garantizan o mantemento do emprego durante seis meses. Teme que cando decaia o acordo haxa despedimentos masivos?
Os plantexamentos económicos que fai o Goberno é para que isto non suceda. Con todo, do que se trata agora, tralo acordo de onte (do venres), é que os axentes económicos e sociais se senten co Ministerio para pautar as medidas de creación de emprego e de reactivación. É clave. Ten que haber un exercicio de deseño público-privado para ver en que lugares, con que obxectivos e cara que sectores imos crear emprego.

Eu o que fago é traballar. Non me importan as fotos. Se antesda pandemia non durmía, agora moito menos

Hai traballadores en Erte que aínda non cobraron a prestación. Como é posible?
A día de hoxe atrévome a dicir con contundencia que os traballadores e traballadoras que aínda non cobraron o Erte é porque houbo unha deficiencia de xestión por parte das empresas. Onte mesmo me facían chegar o caso dunha empresa de Vigo de cen traballadores. En canto o soubemos vimos que estaba mal tramitado. O erro máis común é o código de conta de cotización e o número de conta bancaria. Con que poñamos unha barra onde non é, isto cae.

Estase a detectar fraude nos Erte?
Si.

E que se vai facer contra esa fraude?
Aplicar a lei con dureza. Quero lanzar unha mensaxe positiva: agora mesmo non é necesario cometer fraude. Estase a inxectar diñeiro para que os autónomos, as pemes e o resto das empresas poidan ter crédito e temos unha flexibilidade tremenda nos Erte. Non é necesario facelo. O máis común é que se mande traballar ao persoal pagado con diñeiro de todos e de todas. Iso é unha fraude, unha irregularidade moi forte en termos administrativos que pode levar a responsabilidades penais.

Faranse públicos os nomes desas empresas?
Si. Faranse públicos. Vaise a facer público o informe da Inspección de Traballo, pero non con ánimo de meter medo. O importante de todo isto é que o groso das empresas están empregando este recurso de forma adecuada. Desta pandemia temos que aprender que o público é de todos e hai que coidalo.

Hai empresas neste país, nomeadamente Inditex, que finalmente non se acolleron a un Erte. Que opina?
Feliciteina. E vouno volver facer. Pero non só Inditex, moitas máis empresas, como Estrella Galicia e outras multinacionais do noso país foron exemplares. Imaxinemos o que suporía un Erte nunha empresa que ten 50.000 traballadores e traballadoras. Eu non podo facer máis que poñelas en valor. Moitas grandes empresas, ao fío do que fixo Amancio Ortega, fixeron o mesmo e non se acolleron a Erte por causas de forza maior, aínda que podían facelo legalmente.

O presidente de Inditex, Pablo Isla, apelou recentemente na cumbre da CEOE a "no desmontar lo que está funcionando" e a "manter reformas eficaces". Vaise derrogar a reforma laboral, como reclaman os sindicatos?
É normal que Pablo Isla diga isto. Eu estou no corazón do conflito e sei o que defenden os empresarios e os sindicatos. Loxicamente, a patronal quere seguir con esta norma en vigor. Os informes do Banco de España recórdannolo. O que produciu o real decreto 3/2012 (a nomeada reforma laboral aprobada polo goberno de Mariano Rajoy) foi un proceso de devaluación interna brutal, como nunca antes na historia da democracia española, a perda do peso dos salarios, un incremento da pobreza laboral do 24% e unha precariedade como nunca coñecemos no noso país. Tres de cada catro contratos son temporais. Dío o Banco de España.

Non me di se se vai derrogar a reforma laboral...
Si, si. Dígoo claro: vaise cumprir o acordo asinado. É necesario arranxar os problemas de debilidade estruturais que ten o mercado do traballo no noso país. Esta anomalía española só se corrixe lexislando e poñendo un marco de relacións completamente novo.

Javi Entrevista a la ministra de Trabajo, Yolanda Diaz. En el Diario. Fotos dentro y fuera del periodico.

Pódese vivir dignamente con 900 euros ao mes?
Non.

É preciso subir o Salario Mínimo Interprofesional?
Para reactivar a economía necesitamos salarios dignos. Primeiro, por razóns humanas. A xente ten que poder vivir con dignidade. Debe ter as súas necesidades vitais cubertas, incluída a vivenda. Ademais, en termos económicos necesitamos salarios dignos para que a xente poida consumir.

E a igualdade salarial entre homes e mulleres?
Estamos a piques de rematar a negociación de dúas normas: a de igualdade retributiva e a dos plans de igualdade nas empresas. Aínda onte (venres) estiven cos equipos técnicos dos axentes sociais. Faltan por negociar dous preceptos e, en breve, sairán as dúas normas.

O único problema que ten Ence é a súa ubicación. Ten que saír da ría. Pelexemos por buscar unha ubicación alternativa


Que suporán esas dúas normas?
Imos cumprir coa recomendación de transparencia salarial do ano 2014. Os traballadores e traballadoras imos ter que ter unha avaliación do posto de traballo, libre de roles e estereotipos de xénero. Poño un exemplo. En Ourense, as traballadoras do téxtil non perciben un complemento de toxicidade polo mesmo traballo que fan os traballadores da automoción que fan asentos.

Obrigaráselle ás empresas a pagar ese complemento?
Non, a que definan ben o posto de traballo de conformidade coas normas de xénero. (As empresas) tamén van ter que publicar o promedio salarial para ver se hai sesgos de xénero nunha mesma categoría profesional. Isto fará aflorar diferenzas que se viven como normais.

Estalle a saír gratis o teletraballo ás empresas?
Non, o que creo é que hai que regular o traballo a distancia e o teletraballo. As relacións laborais mudaron. Isto hai que tomalo en serio. Hai que definir moi ben cal é o posto de traballo; como se fai na casa e examinar os riscos e a dotación de materiais.

Cre que se chegou tarde nas medidas a aplicar durante a pandemia?
Eu saquei a Guía polo Traballo o 4 de marzo e fun tildada de alarmista por algún sector económico e pola oposición. Bendita Guía de Traballo, que se está aplicando no día de hoxe! Cando a pandemia chegou a Italia, ordenei no me departamento un despregue lexislativo, tendo claro que Italia era a porta de entrada do virus en España. O importante é actuar con moita solvencia.

O futuro de Alcoa está no aire. A ministra de Industria, Reyes Maroto, chegou a afirmar que a multinacional só busca "subvenciones" e que "Alcoa es el enemigo, no el Gobierno". Comparte vostede esas palabras?
Compártoo agora e antes. Eu sempre tiven claro, antes incluso de estar imputada por defender aos traballadores, que Alcoa, como multinacional, tiña unha única estratexia no noso país: ter unha cota de mercado. Alcoa quere marchar de aquí para vendernos, como país, o aluminio primario dende outros lugares do mundo. Téñoo clarísimo. E digo máis: a actuación de Alcoa é o exemplo que nunca se debe seguir. Para min é clave a produción de aluminio primario. Por que? Porque é o aluminio do século XXI. Estamos rodeadas deste material. É estratéxico. Hai que deixarse a pel nisto. A min dáme vergoña que Alberto Núñez Feijóo nos diga agora, despois de dez anos de Goberno en Galicia e de competencias plenas en materia industrial, que vai sacar un plan para intentar manter os 5.000 postos de traballo de Alcoa. Iso é politiqueo.

Javi Entrevista a la ministra de Trabajo, Yolanda Diaz. En el Diario. Fotos dentro y fuera del periodico.

Vaise nacionalizar a empresa?
Se Feijóo quere, pode facelo. É competencia da Xunta de Galicia. Pero din que non o van facer.

A Xunta dixo que podería nacionalizarse dende o Goberno central...
Non o dixo. Criticouno. Dixo que non era correcto. Eu quero lembrarlle a Feijóo que Inespal (empresa de aluminio que se vendeu a Alcoa) era pública e que foi un Goberno do PP a que a privatizou. E iso sábeno ben na Mariña lucense. Feijóo está en contra da nacionalización. Estao tanto que por iso non intervén el no capital social de Alcoa. Ten as ferramentas na man para dicir: a empresa quédase aquí.

Que lle diría aos 534 traballadores de Alcoa que van ser despedidos se non se arranxa este asunto?
O que lle digo é que pelexen, que pelexen. Soamente defendendo o que é noso se pode saír adiante. E tamén lles digo que lle esixan a todos os poderes públicos, e á Xunta particularmente, a defensa desta actividade industrial e destes postos de traballo. Sinto moitísimo non poder actuar no ERE de Alcoa- San Cibrao dende as miñas competencias. Por desgraza é unha competencia de Alberto Núñez Feijóo. Síntoo de verdade. Moito.

O futuro de Ence vaino decidir a Audiencia Nacional. No caso de que se anule a concesión, vostede aposta polo traslado?
O compromiso cos traballadores e traballadoras de Ence é absoluto. Isto é clave. Non podemos frivolizar. Nesta industria necesitamos pechar o ciclo económico. O único problema que ten Ence é a súa ubicación. Cremos que Ence ten que saír da ría de Pontevedra. Os políticos temos que cumprir a palabra. Feijóo o primeiro, que dicía que Ence tiña que saír da ría. A min me parece que se Feijóo, o Concello de Pontevedra, os concellos limítrofes e o Estado pelexamos en común para buscar unha ubicación, será posible.

Perder Ence en Galicia, sería unha boa ou unha mala nova para o sector forestal?
O impacto de perda en postos de traballo en termos económicos de Ence e de Alcoa é brutal. E hai consenso. Alberto Núñez Feijóo defendía o traslado de Ence, igual que o PsdeG, Galicia En Común... Todo o mundo está de acordo. Pelexemos por buscar unha alternativa de ubicación que non sexa coas características que ten agora na ría.

Vostede defende o diálogo social. Non é unha mágoa que non haxa unha mesa de diálogo agora que se vai reinterpretar ou rescribir a Ley de Costas?
A min non me gusta que as decisións que deben ser públicas as tomen os tribunais. Eu se fora presidenta da Xunta levaría moito tempo traballando para resolver este problema e dar certidume á empresa. Hai normas con certa sensibilidade que deben ser dialogadas. E me consta que se vai facer. Cando as normas se dialogan saen mellor.

Que vai pasar coa AP-9? E co acordo de investidura que Pedro Sánchez asinou co BNG en Madrid?
Eu non sei que vai pasar co acordo do Bloque. O que si sei é que o Goberno ten a vontade de transferila (a Galicia) e, namentres, baixar as peaxes. Seguro. E iso é importante para Galicia. Sei que o Goberno ten a vontade de transferir a AP-9 e, namentres, baixar as peaxes. Iso é importante para Galicia.

Yolanda Díaz: "Hai que pelexar xuntos por outra ubicación para Ence"
Comentarios