Zeltia, autorizada a vender en Europa o seu antitumoral 'Yondelis'

'Ecteinascidia turbinata', de onde Zeltia obtén o axente antitumoral de Yondelis (Web cancers.sarcomes.info)
photo_camera 'Ecteinascidia turbinata', de onde Zeltia obtén o axente antitumoral de Yondelis (Web cancers.sarcomes.info)

A Axencia Europea do Medicamento (EMEA) anunciou a autorización para a venda no mercado europeo do fármaco antitumoral Yondelis, que desenvolve Pharmamar, filial do grupo biotecnolóxico galego Zeltia. Así o comunica EMEA, que tamén dá luz verde a outros tres medicamentos. Yondelis é un medicamento para tratar o sarcoma en tecidos brandos (STE).

A EMEA asegura que Yondelis é o 'fármaco orfo' número 42 que recibe unha autorización para a súa venda no mercado europeo. A Axencia Europea do Medicamento rexeitara en xullo de 2003 a solicitude de comercialización cursada por Zeltia, que debeu esperar catro anos máis para recibir finalmente a autorización das autoridades europeas.

O primeiro anticanceríxeno español
Yondelis, un antitumoral de orixe mariño, é propiedade de Zeltia e da multinacional estadounidense Johnson&Johnson, que o comercializará nos Estados Unidos. O fármaco aprobado posúe un mecanismo de acción novidoso. Obtido na ecteinascidia turbinata, o axente antitumoral de Yondelis (trabectedina, ET-743) actúa directamente nos procesos de división celular e reparación do ADN.

Segundo datos da propia compañía, foi probado con éxito en 1.600 paciente e demostrou a súa eficacia contra o sarcoma de texidos brandos en diversos estudios, sendo un dos únicos fármacos que acreditou eficacia na loita contra  tumores que afectan a músculos, articulacións grasas e outros tecidos brandos do organismo.

Yondelis leva anos sendo o proxecto estrela de Zeltia e Pharmamar, unha eterna promesa que despois de 20 anos de estudio parecía non se concretaría nunca. Neste tempo, Zeltia presentouse como unha pioneira no aproveitamento de recursos mariños para elaborar fármacos.

Despois dun crecemento espectacular durante os anos 90, Zeltia viu como a súa cotización se arrefríaba nos últimos anos ante a imposibilidade de recuperar no mercado a millonaria inversión do seu proxecto estrela. Sen dúbida a decisión da EMEA vai supoñer un novo impulso e confirma unha vía de investigación aberta na que a empresa galega foi unha das pioneiras.

Comercialización
Pharmamar, filial de Zeltia, considera posible comezar a vender o fármaco Yondelis este mesmo ano no Reino Unido e en Alemaña. Segundo declarou José María Fernández Sousa, presidente de Zeltia, á publicación Thomson Financial News.

"Poderiamos empezar a vender este ano nos países europeos nos que non hai que negociar prezo, en países importantes por número de habitantes como Alemaña e Gran Bretaña. Logo, sucesivamente, segundo foramos negociando prezo, iriamos vendendo no resto dos países", indicou Fernández Sousa.

Pharmamar ten previsto presentar o no medicamento no Congreso Europeo de Oncoloxía ECCO, que se celebra entre o 23 e o 27 de setembro en Barcelona. Pharmamar ten 730 patentes concedidas e 680 en petición.
 

Comentarios