Galegista convencido e de ideoloxía esquerdista, o escultor e artista Uxío Souto tivo que fuxir do xugo franquista cara a Francia xa durante a batalla do Ebro da Guerra Civil. Agora, máis de 80 anos despois, dúas das súas obras serán expostas no museo Reina Sofía de Madrid como parte da exposición Pensamiento perdido: Autarquía y Exilio, adicada a mostrar a complexidade de producir arte tras o golpe de Estado fracasado, tanto dentro das fronteiras como fóra.
O Museo de Pontevedra é quen cede por un periodo de 18 meses as obras Campo de concentración –1944– e Oaxaqueña –1942–. A primeira delas é unha dura e explícita acuarela dun campo de refuxiados francés no que o mesmo Uxío Souto tivo que permanecer durante o seu exilio no país. Os prisioneiros do campo de Barcarés, republicanos españois perseguidos polo franquismo, son representados por Souto coa precisión e crueza dun testigo que estivo no lugar dos feitos.
"Oaxaqueña", pola súa banda, é unha escultura de bronce dunha rapaza de longas trenzas. De feito, esta disciplina era a especialidade do artista: dende neno, con 14 anos, foi a Santiago de Compostela a estudar na Escola de Artes e Oficios e a traballar como aprendiz no obradoiro de Xosé Rivas Rodríguez.
Despois dunha vida fuxindo pero, aínda así, producindo arte, consegue chegar a México. Alí, onde casa con outra exiliada do franquismo, pasa o resto dos seus días ata a súa morte en 1990.
"Este tipo de colaboracións entre institucións museísticas son habituais tendo en conta, ademais, o interese que suscita a nosa colección pola súa calidade e dimensión", explicou José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra. De feito, non é a primeira vez que o museo pontevedrés colabora co Reina Sofía.
O museo madrileño atópase actualmente traballando nun proxecto que permita reler a súa colección permanente para ofrecer unha nova interpretación dos seus fondos: cando o fascismo asentouse en España, a arte esquerdista, cos seus artistas, viuse na obriga de exiliarse no estarnxeiro. Uxío Souto so foi un ente centos.