Sociólogo e director de Edesga

Serxio Gómez: "A saciedade pode baixar a participación, pero se a esquerda axita e ilusiona pode matizalo"

A capacidade que teñan os dous grandes bloques para mobilizar en campaña marcará o 23-X, no que cre que unha das ferramentas comúns vai ser "o medo"
Serxio Gómez. EP
photo_camera Serxio Gómez. EP

Votar no verán será novo en España. Como pode influír?
Como é un feito novidoso e histórico non se sabe. O máis obvio é pensar que vai haber un aumento do voto por correo e unha baixada da participación, pero o que é difícil é estimar en que medida, porque aí tamén entra en xogo o clima social. Vai depender moito da capacidade que teñan os dous grandes bloques de mobilizar en campaña. Sobre todo se a esquerda é quen de axitar ese medo a un Goberno de ultradereita, pode matizar moito esa baixada de participación; pero se non é quen de ilusionar, será difícil evitar a baixada.

Galicia xa votou en xullo, en 2020, e baixou a participación.
Efectivamente, pero era completamente diferente. Por unha banda porque a participación nas autonómicas galegas nunca é moi alta; por outra, porque estabamos en plena pandemia; e tamén porque o clima social non era o que temos agora.

A baixa participación adoita vincularse a que todo se mantén igual e a alta relaciónase máis co cambio. Pero o 23-X parece que pode ocorrer o contrario.
Tradicionalmente, a alta participación asóciase a un bo resultado da esquerda, pero non sempre é así. En xeral, a alta participación beneficia a máis partidos, mentres que os dous grandes adoitan estar máis cómodos en baixas particiapcións. Pero isto non é unha ciencia exacta! Unha baixa participación en xullo non lle interesará ao PSOE, porque iso implicará que opcións minoritarias á súa esquerda perdan escanos en provincias con alta abstención, escanos que sempre acabarán indo para o PP.

Votar dúas veces en só dous meses pode xerar saciedade?
Será un aspecto interesante de ver. É certo que pode aparecer esa sensación de fartazgo, pero tamén nese sentido esta xogada arriscada do PSOE busca precisamente un efecto contrario a iso: obrigar á xente a ver estes resultados moi inmediatos e a reaccionar rápido a eles. O votante que está molesto polo resultado do 28-M vai mobilizarse, ou esa é a idea, buscar esa reacción máis visceral e máis próxima. Se Sánchez agardase a decembro xa daría máis tempo a dixerir estes resultados, a normalizar os pactos PP-Vox... Pero agora, a curto prazo, a xente pode estar máis mosqueada. No entanto, o problema do fartazgo existe, porque na repetición electoral de 2019 baixou a participación moito, máis dun 6%, e iso castigou os partidos de esquerdas. Así que este 23-X ten esa dobre lectura: a reacción visceral inmediata pode mobilizar, pero o electorado menos ideoloxizado e máis facilmente contentable é fácil que se desmobilice.

Ese electorado adoita ser o que lle chamamos de centro.
Efectivamente. Trátase dese millón de votos que se di sempre que pode ir a PP ou a PSOE.

Todas as campañas das nacionais desde a época de Felipe González foron reactivas: rexeitamento a algo, sexa a crise económica, o 11-M, etc. Está tamén o será?
Si, e reactiva en dobre dirección, tanto por unha parte como pola outra. Eu penso que unha das cousas que moverá a xente e o voto é o medo: medo a un goberno de ultradereita, medo a que sigan os comunistas, se lle votas a este haberá violadores na rúa, e se lle votas a aquel pode entrar Vox como en Castela e León... Ese tipo de reaccións que son moi pouco racionais.

Edesga dedícase ás enquisas. É máis complexo facelas nun ciclo electoral tan acelerado e nun contexto social tan axitado?
Son escenarios relativamente volátiles. Nas últimas eleccións xa fumos vendo como cada vez hai máis xente que agarda ao último momento para decidir o seu voto, o que significa que hai moito sufraxio oculto e moitas máis dúbidas durante máis tempo. E a maiores, segue habendo máis opcións de voto que hai dez anos, cando era máis fácil porque aquí por exemplo só tiñas PP, PSOE e BNG. Hoxe tes máis e moitas ata se solapan, así que a estimación sempre é máis complexa.

Comentarios