Sete turistas españois morren nun atentado suicida en Iemen

Un atentado suicida na rexión de Marib, no Iemen, causou a morte de sete turistas españois esta tarde, ferindo a outros sete, segundo fontes do Ministerio de Exteriores. No ataque tamén faleceu un cidadán iemení, o condutor do vehículo afectado polo coche bomba.

O ataque aconteceu mentres un grupo de 14 viaxeiros españois visitaba o templo de Mahram Bilquis, a uns 130 quilómetros de Sanaá, a capital do estado. Polo momento ninguén se responsabilizou desta acción, aínda que fontes do país árabe atribúen a acción a Al Qaeda, lembrando que o grupo terrorista emitiu recentemente un comunicado pedindo a liberación de militantes encarcerados.

Situación inestable
A República do Iemen, situada no Oriente Próximo, é o país máis pobre de tódolos países árabes e conta cunha orixe recente, xa que estivo dividido en dous dende 1962 ata 1990. A organización terrorista de Osama Bin Laden ten unha importante presenza na rexión, ó ser o lugar de orixe da súa familia.

Na súa páxina web, o Ministerio de Exteriores advirte da posibilidade de atentados terroristas polo que recomenda "máxima vixilancia" á hora de emprender unha viaxe a esta zona.

Comentarios