Ennui devolve a arte ás rúas de Pontevedra

O colectivo, formado por sete estudantes de Belas Artes e vinculado á asociación Refugallo, desenvolve un proxecto performántico na cidade. Este xoves volverá intervir ás 13.30 na Peregrina

Ata tres accións de arte na rúa, Tautoloxías, Identidades e Espere aquí, realizou o colectivo Ennui no mes de marzo en Pontevedra. Vinculado á asociación artística Refugallo, Ennui está composto por sete estudantes da facultade de Belas Artes.

"A nosa finalidade é desenvolver un proxecto performántico", explican a través do correo electrónico. "A dinámica de actuación do grupo pasa por realizar unha acción distinta á semana durante o mes de marzo". E engaden: "A pesar da intención orixinal, esperamos poder continuar coa iniciativa cando remate o mes". E, de feito, continúan. Este xoves, ás 13.30 horas, estarán facendo unha nova intervención na Praza da Peregrina.

Con respecto ás accións que xa realizaron, Tautoloxías foi a primeira delas. Desenvolveuse o 7 de marzo en Belas Artes e na Praza da Peregrina. "A acción estaba baseada na repetición continua de diferentes movementos individuais", explica Ennui. "O obxectivo do colectivo era investigar e experimentar a acción cíclica, a repetición, o paso do tempo e a monotonía".

A segunda performance foi Identidades. Realizouse o 15 de marzo nos mesmo espazos que a anterior. Neste caso, a acción estaba baseada no acto de vestirse e espirse de forma cíclica. "Cada membro do colectivo tomaba cada vez un conxunto de roupa dobrada no chan para poñela, quitala, volvela a colocar onde estaba e cambiar á seguinte posición", indican os estudantes. "Deste xeito cada persoa mostra varias versións diferentes de si mesma durante a performance. O obxectivo do colectivo era reflexionar acerca da construción e a deconstrución do concepto de identidade", Segundo din, a acción estaba relacionada coa construción da identidade como suxeito individual e colectivo, coa imaxe do outro, co alleo e o propio e coa identidade de xénero.

A serie de marzo pechouse con Espere aquí. Neste caso a acción tivo lugar o día 23 fronte ás Ruínas de San Domingos e estaba baseadana espera. "O colectivo colocouse en fila fronte un cartel no que se lía ‘espere aquí’. Esta performance reflexionaba sobre a esperanza e o paso do tempo e exploraba os límites físicos do corpo".

Comentarios