Os '19 de Meirás' piden ao Goberno que "non dilate a cuestión" e presente a demanda civil para reclamar o pazo

É "unha esixencia democrática terminar cos privilexios herdados do franquismo", aseguran

Miguel Anxo Fernández Lores recibe a los 19 de Meirás. DAVID FREIRE
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores recibe aos 19 de Meirás. DAVID FREIRE

Os activistas denunciados pola familia Franco por un acto reivindicativo realizado no Pazo de Meirás en agosto do ano pasado, coñecidos como os 19 de Meirás, reclamaron este xoves ao Estado que "non dilate máis a cuestión" e presente a demanda civil para solicitar a devolución do inmoble ao patrimonio público.

Así o dixo o portavoz do colectivo, Néstor Rego, en declaracións aos medios ás portas dos Xulgados de Betanzos, onde estaban chamados a declarar os 14 activistas que faltaban por comparecer ante o xuíz por mor da denuncia presentada polos Franco.

Para Rego é "unha esixencia democrática terminar cos privilexios herdados do franquismo". "Non só hai que sacar a Franco do Val dos Caídos, senón que hai que eliminar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran", dixo o portavoz.

Para o colectivo, "é necesario e posible que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política", polo que reclaman "a todas as forzas políticas estatais, especialmente ao PSOE, xa que está á fronte do Goberno do Estado, que non dilaten máis esta cuestión e de inmediato presenten a demanda civil para que o Pazo de Meirás pase ao patrimonio público".

CARÁCTER "SIMBÓLICO". Do mesmo xeito, Néstor Rego volveu reivindicar o "carácter simbólico e pacífico" da acción pola que están denunciados os 19 activistas, que permitiu "reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a manifestarse ao respecto". "Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como esta, o que demostra a súa utilidade e necesidade", explicou durante unha concentración de apoio.

En relación coa denuncia presentada pola Fundación Francisco Franco e a familia do ditador, Rego criticou que estean "a tentar criminalizar o exercicio ao dereito democrático á liberdade de expresión", algo que considera "inadmisible".

Comentarios