Jueves. 18.10.2018 |
El tiempo
Jueves. 18.10.2018
El tiempo

203.000 empresas para facer país

Un total de 203.321 empresas desenvolven a súa actividade en Galicia. Bos datos, xa que supón un incremento do 7,1% respecto das compañías rexistradas na Comunidade galega en 2004, segundo refliten os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) publicados hoxe.

Malia o crecemento rexistrado nos últimos dous anos, máis do 81% das empresas galegas presentes en Galicia ten menos de 3 asalariados en nómina, e desta cifra, máis da metade (115.194) carece de persoal contratado ao seu servizo.

Pese ao tradicional minifundismo empresarial existente en Galicia, o número de grandes empresas incrementouse considerablemente no que vai de década. En concreto, en 2000 estaban rexistradas en Galicia 127 empresas que superaban os 250 asalariados, unha cifra que subiu ás 178 compañías o pasado ano, un 40% máis.

Ademais, os datos do IGE tamén poñen de manifesto a diferenza entre as provincias atlánticas e as de interior. A Coruña e Pontevedra concentran o 74% das empresas activas en Galicia, ao contar con 83.077 e 67.26 compañías en cada provincia, respectivamente. Pola contra, Lugo e Ourense aglutinan a 24.642 e 23.458 empresas nos seus respectivos territorios, o que non chega -entre ambas- ao 24% de todo o tecido empresarial autonómico.

Sectores
Por sectores, as actividades que concentran maior número de sociedades son o comercio -máis de 53.000 empresas-, seguido da construción (28.844) e a hostelería, con preto de 22.600 empresas en funcionamento. Entre as tres actividades aglutinan a máis da metade das compañías existentes no país.

Así mesmo, Galicia tamén conta cun total de 12.104 empresas especializadas en transporte terrestre, 8.103 compañías inmobiliarias, 7.040 sociedades dedicadas a actividades de servizos persoais e 6.932 empresas que ofrecen servizos sociais e sanitarios.

Pola contra, a actividade empresarial menos frecuentes en Galicia é o refinado de petróleo, un labor que desenvolve en exclusiva a refinería de Repsol na Coruña. Así mesmo, menos de 10 empresas galegas dedícanse outras actividades como a reciclaxe, a extracción de minerais metálicos ou o transporte aéreo.

203.000 empresas para facer país
Comentarios