Unha vintena de centros de FP da provincia de Pontevedra xa compiten en InnovaTech

A Xunta e dez empresas punteiras únense nun novidoso programa no que retan ao alumnado a desenvolver solucións tecnolóxicas viables para varios proxectos de base tecnolóxica cun impacto positivo no medio rural
Presentación do programa InnovaTech coa participación de 800 alumnos de 85 centros de toda Galicia. EP
photo_camera Presentación do programa InnovaTech coa participación de 800 alumnos de 85 centros de toda Galicia. EP

Os alumnos de 21 centros de Formación Profesional da provincia de Pontevedra xa están somerxidos de cheo no programa InnovaTech FP da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Unha iniciativa na que os participantes deberán propor solución tecnolóxicas viables a dez retos que propoñen as empresas integradas nesta acción pioneira da Xunta en colaboración co tecido empresarial galego.

Os participantes pontevedreses son os institutos A Guía e Politécnico, ambos en Vigo, Frei Martín Sarmiento e Luís Seoane de Pontevedra, Laxeiro de Lalín, Indalecio Pérez Tizón de Tui, Chan do Monte de Marín, Escolas Proval de Nigrán, Vilalonga de Sanxenxo, Ribeira de Louro de Porriño, Chapela en Redondela, Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía e Antón Alonso Ríos de Tomiño. Tamén participa o alumnado dos centros integrados de FP (CIFP) Montecelo, A Xunqueira e Carlos Oroza do concello de Pontevedra, A Granxa de Ponteareas, Manuel Antonio e Audiovisual de Vigo e o centro Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa. No conxunto do programa son 150 equipos de 85 centros organizados en equipos.

O obxectivo é que se fomente a innovación tecnolóxica e emprendemento industrial entre os participantes, promovendo a creación de empresas de base tecnolóxica entre o alumnado da FP galega.

Os mozos deberán enfrontarse a desafíos que buscan solucións que teñan un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural, adquirindo novas habilidades, estimulando a súa creatividade, reforzando a innovación e, sobre todo, aprendendo a traballar en equipo. Algo clave no programa InnovaTech FP, que ten como meta a adquisición por parte do alumnado dunha alta formación tecnolóxica prioritaria para o seu futuro profesional.

Do forestal ao téxtil

Este simulacro de actividade profesional é moi específico e conta con 10 propostas que tratan solucións tecnolóxicas en campos moi variados, como o forestal, téxtil, alimentario ou de servizos.

Así, InnovaTech FP busca "enriquecer a experiencia educativa e conectar os alumnos coas realidades e necesidades do sector industrial, ao tempo que fomenta un enfoque colaborativo e inclusivo", sinala Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades. Para lograr isto, o Centro Galego de Innovación de FP de Ourense funcionará como polo tractor e alí, os participantes terán a súa disposición as instalacións e os medios humanos necesarios para que os equipos poidan traballar en cada reto coas ferramentas que consideres necesarias.

Con este centro perséguese o fomento da innovación tecnolóxica entre o alumnado, xerando transferencia de coñecemento cara as empresas e promovendo o emprendemento industrial na Comunidade. 

Galicia, referente na FP

A través desta primeira convocatoria de InnovaTech a Xunta quere sumar a todos os centros educativos de FP que conten con liñas de investigación, innovación e emprendemento ao proxecto. De cara ao próximo curso o obxectivo é dobrar o número de estudantes participantes e triplicar o de empresas colaboradoras.

Este programa nace nun contexto de transformación social e tecnolóxica que esixe unha profesionalización inmediata das competencias dixitais, ante o que a Xunta de Galicia quere ofrecer un valor engadido que marque a diferenza e permita sacara o máximo partido.

Por iso, o Goberno autonómico lanza un programa que cualifica de revolucionario para o apoio da formación dixital destes futuros profesionais e que responde aos retos identificados polo propio tecido produtivo.

Unha oportunidade para modificar a cultura empresarial de cara a unha maior tecnificación e dixitalización, así como para continuar consolidando Galicia como a Comunidade referente na FP e líder indiscutible neste eido. "Algo posible grazas a tres coordenadas claras como a confianza e o prestixio de familias e empresas e a utilidade para o alumnado", remarca o conselleiro de Educación.

O programa enmárcase dentro de dúas grandes iniciativas coas que se está reforzando a FP galega: a Estratexia de FP Galicia 2030, dotada con 900 millóns de euros é a folla de ruta que busca desenvolver a I+D+i como parte do apoio ao desenvolvemento empresarial e a facilitar a inserción laboral do alumnado. Dentro del, destaca o Plan Innova FP, con 8,3 millóns de euros e que impulsa actuacións para o avance da innovación e o emprendemento no seo da FP galega.

Referente ►Os retos, empresa a empresa

Dez empresas referentes en distintos ámbitos lanzan os retos en colaboración coa Xunta para que o alumnado participante en InnovaTech FP se enfronte a eles e mellore todas as súas capacidades, creando equipos multidisciplinares.
• Viaqua: deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais.
• Pérez Rumbao: lanzamento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción.
• Diesemm: creación dunha solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos.
• Finsa: proposta dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais.
• Aceites Abril: desenvolvemento dun método ou sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado.
• L’Oreal: busca de solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado.
• El Pulpo: creación dunha colección téxtil reciclada e presentación da mesma mediante ferramentas dixitais.
• Roberto Verino: deseño dun sistema avanzado de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente.
• Fundación San Rosendo: sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores.
• Naturgy: desenvolvemento de ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica e, así, contribuír á súa redución.

 

Comentarios