Día sen Tabaco, 4.000 rapaces 'libres de fume'

sen-fume1.jpg
photo_camera sen-fume1.jpg

Coincidindo coa celebración do Día Mundial sen Tabaco, rematou o concurso 'Clases sen fume', que na súa quinta edición contou coa participación de máis de 4.000 alumnos galegos. Esta iniciativa pretende retrasar a idade na que os adolescentes collen o primeiro cigarro, para o que lle esixe a cada aula participante o compromiso de que ningún dos rapaces fumará durante os seis meses que dura a proba.

Nesta edición do programa participaron ademais 241 familias, implicadas no proxecto 'Fogares sen lume'. "A implicación de toda a familia nunha vida sen tabaco facilitará a vosa decisión de non fumar" foi o que lles dixo ós nenos a conselleira de Sanidade, María José Rubio, no acto de clausura do concurso.

Este programa desenvólvese en 21 países distintos, e involucra a máis de 50.000 escolares de entre 12 e 14 anos. En Galicia, ademais, os titores non deben ser menos que os rapaces, e tamén teñen que deixar o vicio durante o concurso. Segundo a consellería de Educación, o éxito da campaña queda constatado, nos datos que aseguran que o consumo de tabaco entre os menores se está reducindo.

Premios
O colexio Sagrado Corazón de Jesús de Placeres, en Pontevedra, acadou os galardóns ó mellor slogan con representación gráfica e á mellor actividade creativa. O premio 'Clases sen Fume' foi parar á cidade de Ferrol, ó IES Marqués de Suances.

Os outros centros premiados foron:

  • Centro Público Integrado (CPI) de Ponte Carreira
  • IES Rafael Puga Ramón de A Coruña
  • CPI Mosteiro-Meis
  • Colegio Sagrado Corazón de Lalín
  • IES de Chapela
  • Colegio Sagrado Corazón de Celanova
  • IES Fontem Albei de A Fonsagrada

Comentarios