Ábalos reúnese este mércores con Feijóo, co traspaso da AP-9 pendente

O Congreso debaterá a proposición de lei tras levantarse o veto, pero o PP e a Xunta alegan que se pode negociar xa ► A Xunta afea "as formas" a Fomento e ten "moitas dúbidas" sobre o decreto das VTC

Cabinas de peaje de la AP-9 en Vilaboa. DAVID FREIRE
photo_camera Cabinas nunha peaxe da AP-9. DAVID FREIRE

O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, reúnese este mércores en Santiago co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que será o seu primeiro encontro institucional desde a chegada do socialista Pedro Sánchez a Moncloa.  A cita prodúcese no marco do debate para o eventual traspaso a Galicia da titularidade da autoestrada AP-9, que conecta a fachada atlántica da comunidade, desde Ferrol ata Tui. 

Despois de que o Goberno levantase o veto sobre a proposición de lei aprobada polo Parlamento de Galicia, está previsto que en novembro poida levar a cabo o debate no Congreso dos Deputados, aínda que tanto o PPdeG como a propia Xunta alegan que se pode negociar xa na comisión mixta de transferencias Xunta-Estado. O texto pendente de discusión inclúe a posibilidade dun posterior rescate da autoestrada, extremo sobre o que non se situou aínda o Goberno de Sánchez. 

Durante o mandato do popular Mariano Rajoy, impediuse o debate de dúas leis, coas que, co consenso de todos os grupos, incluído o PP, o Parlamento galego solicitaba a transferencia. As peaxes e os atascos que se producen en momentos puntuais, así como a ampliación da ponte de Rande, son algúns dos puntos quentes nesta controversia.

MOTIVOS. Á marxe dos motivos económicos cos que foi vetada a proposta e a apelación ao interese xeral, o último titular do ministerio do Goberno Rajoy, Íñigo de la Serna, acabou facendo uso do secesionismo catalán como argumento. Así, a mediados do ano pasado, tamén en Compostela, augurou que a transferencia provocaría pasos similares noutras comunidades, o que levaría un "certo desmantelamento" da rede viaria estatal. 

Núñez Feijóo respondeu subliñando que non renunciaba a esta demanda, a pesar de entender as razóns e considerar que nun momento de tensións territoriais había que apoiar ao Goberno.

A AVE E OUTROS ASUNTOS. Outro dos asuntos que ocupan un lugar relevante na axenda de ambos os dirixentes é o da chegada da AVE a Galicia, que De la Serna prometeu en probas para finais de 2019. Logo de tomar posesión, Ábalos anunciou unha auditoría para coñecer o estado das obras. Máis adiante, ratificou o prazo do seu antecesor no cargo. 

A condonación da débeda ao porto de Valencia é tamén un punto candente neste momento, polo malestar que ocasionou en cidades como A Coruña: o Concello e a Xunta esixen un trato similar. Nesta cidade, os terreos do porto e o convenio subscrito por Núñez Feijóo e De la Serna en abril deste mesmo ano, co rexeitamento da Marea Atlántica, sobrevoarán igualmente a cita deste mércores. 

Aínda en materia ferroviaria, a conexión con Lugo, o avance das estacións intermodais e o corredor europeo de mercancías son outras das actuacións en proceso. Por outra banda, segue sen conseguirse a coordinación dos tres aeroportos. 

A Xunta afea "as formas" a Fomento e ten "moitas dúbidas" sobre o decreto das VTC
A Xunta non considera que sexan "formas" que o Goberno central aprobase o decreto das empresas de vehículo de aluguer con condutor (VTC) "sen abordalo previamente nos órganos que existen" para iso. Por iso, acudirá este mércores á reunión co Ministerio de Fomento para tratar de aclarar as "moitas dúbidas" que lle xera o texto. 
Así o destacou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, en declaracións aos xornalistas antes de reunirse con representantes do sector do taxi de Galicia.  En concreto, o ministerio explicará este mércores ás comunidades autónomas o real decreto lei que aprobou este venres polo que cede a estas administracións a regulación e xestión das VTC. Convocou para iso aos directores xerais de transportes. 
"Estamos a falar dun decreto que xa foi aprobado, non temos moito marxe para cuestionalo e modificalo", censurou a conselleira, antes de precisar que aínda é "pronto para facer a avaliación", posto que os servizos xurídicos da Xunta "están a analizalo". 
Nesta liña, Ethel Vázquez avisou de que non se pode lexislar sen dialogar" e insistiu en que "as formas" non lle parecen "correctas", no medio dun "conflito" entre o sector do taxi e o do vehículo de aluguer con condutor. 

"URXE" O REXISTRO DE VTC. Co decreto, valorou, "os problemas posponse e trasládanse catro anos, que poden chegar a seis", coa vista posta en chegar ao cociente "de consenso" de 1/30 que defende tanto o Executivo autonómico como o sector do taxi na comunidade para unha "convivencia harmónica". Nestes momentos, segundo os seus datos, o cociente é de 1 licenza de VTC por cada 13 taxis. 
Neste escenario, ademais, a titular de Infraestruturas fixo un chamamento a Fomento para que "canto antes poña en marcha o rexistro de vehículos de aluguer con condutor", porque "xa urxe" e "é necesario para coordinar" e para "facer seguimento dese servizo".

Comentarios