Aberto o prazo de solicitude de axudas para a compra de libros escolares

O servizo tamén contempla partidas para outros materiais para o colexio

As axudas para a compra de libros están destinadas a alumnos de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. RAFA FARIÑA
photo_camera As axudas para a compra de libros están destinadas a alumnos de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. RAFA FARIÑA

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre este martes o prazo de solicitude para acceder ás axudas destinadas á adquisición de libros de texto ou material escolar e a convocatoria de participación no Fondo Solidario de Libros de Texto. As solicitudes poderanse remitir ata o próximo 21 de xuño

A convocatoria, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia, ascende a un importe de 12,1 millóns de euros, con 5,4 para vales de material escolar, 4,6 para axudas de libros de texto e 2,1 para a adquisición de manuais complementarios, por parte dos centros, para asegurar a dispoñibilidade no Fondo Solidario. 

As axudas para a compra de libros están destinadas a alumnos de 1º e 2º de Primaria e de Educación Especial. No primeiro caso, os importes serán de 90 euros (para renda per cápita familia superior a 5.400 e igual ou inferior a 9.000 euros) e de 170 euros (igual ou inferior a 5.400 euros). 

Os mozos en situación de garda ou tutela da Xunta recibirán a axuda máxima (170) e o alumnado de Educación especial que cumpra os requisitos recibirá un importe de 250 euros. 

O destinatario das axudas para material escolar será o alumnado de primaria e de Secundaria, con renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros e cunha contía de 50 euros. 

Finalmente, o fondo solidario diríxese e estudantes de 3º a 6º de primaria e de toda secundaria, e a asignación de libros realizarase por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, con preferencia para aqueles en situación de garda ou tutela da Xunta.

DEVOLVER LIBROS. Educación lembra, así mesmo, que o requisito "fundamental" para acceder a este fondo e beneficiarse das axudas de compra será "devolver os libros dos cursos anteriores". 

No presente exercicio, beneficiáronse case 136.044 alumnos a través deste fondo ou das axudas á adquisición de libros de texto. En total, o fondo de libros distribuíu 631.652 manuais, e concedéronse 27.690 axudas á compra de manuais e 97.406 para material escolar. 

Comentarios