Un accidente de tráfico na Estrada provoca unha vertedura no Río Vea

Unha persoa resultou ferida logo de saírse da vía e caer por unha ponte o camión que conducía, na parroquia de San Xiao de Vea
112 Galicia. DP
photo_camera 112 Galicia. DP

O 112 Galicia informou esta mañá de que unha persoa resultou ferida logo de saírse da vía e caer por unha ponte o camión que conducía, na parroquia de San Xiao de Vea, no concello da Estrada.

Foi un particular quen, pouco antes das dez da mañá, informou ao 112 Galicia deste sinistro e indicaba que o camión quedara colgado da ponte sobre o Río Vea. Nesta mesma comunicación, o alertante sinalaba que o condutor non era capaz de saír da cabina do vehículo.

De xeito inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112 Galicia) puxéronse os feitos en coñecemento dos servizos sanitarios, dos Bombeiros do Deza, do GES da Estrada, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local.

O persoal de emerxencias da Estrada confirmou ao chegar ao lugar do sinistro que, afortunadamente, o condutor do camión lograra saír do vehículo polo seu propio pé, aínda que si necesitaba asistencia sanitaria. Ademais, informaban de que o camión caera no río e que a parte da carga quedara apoiada na ponte, mentres que a cabina caera nun terreo lindeiro. Por este motivo, daban aviso de que parte da carga do camión, que transportaba paquetería, e restos de gasóleo, derramáranse no río.

Así pois, os xestores do 112 Galicia comunicaron o sucedido a Augas de Galicia, que enviou persoal ao punto para tratar de contralar a vertedura. Por último, tamén foi solicitada a colaboración de persoal da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) polo que se desprazou un equipo do Grupo de Apoio Loxístico de Intervención (GALI).

Os servizos de emerxencia confirmaron que o condutor fora trasladado polos servizos sanitarios ao centro hospitalario de referencia en Santiago.

Comentarios