martes. 02.03.2021 |
El tiempo
martes. 02.03.2021
El tiempo

Activado o segundo plan de rescate con 12 millóns destinados a hostalería

Cierre de la hostelería en Lugo. SEBAS SENANDE
Un negocio de hostelería pechado. SEBAS SENANDE
Outros tres millóns están dirixidos a outras actividades pechadas

O segundo plan de rescate da Xunta fronte á crise da covid, orientado a autónomos e microempresas, queda activado este martes ao completo coa publicación dunha orde dotada con 15 millóns de euros, deles 12 centrados en concreto na hostalaría e tres para outras actividades pechadas. 

Estes dous programas eran os que faltaban do segundo paquete de axudas do Goberno galego, que activou o pasado xoves 60 millóns de euros coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). 

Após o seu adiamento co ánimo de non colapsar o sistema ante o aluvión de solicitudes, o DOG publica este martes a convocatoria desta nova liña de axudas directas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro, como ximnasios, salas de espectáculos e parques de lecer infantil, entre outros. 

Estas axudas van por establecemento segundo a duración do peche, aínda que se mantivese o servizo en terraza ou a domicilio 

A orde destina 15 millóns que se concederán por establecemento e suporán contías que irán dos 1.900 aos 3.700 euros, mediante a ponderación da duración dos peches e con compensacións para os negocios con 10 ou máis empregados. 

Un mesmo empresario pode multiplicar estas cantidades por cada un dos establecementos de que dispoña, segundo explica a Administración autonómica. 

O prazo de solicitude para acceder a esta nova liña será dun mes a partir deste mércores. A Xunta reivindica ter un procedemento electrónico "moi sinxelo, sen burocracia" e compromete achegar os primeiros pagos "en cuestión de días", como ocorreu, lembra, co primeiro plan.

REQUISITOS. Para acceder ás axudas da liña activada este martes bastará con que os solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias. 

Ademais da hostalaría, víronse afectados sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cinemas, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza e actividade feirante. 

A Xunta terá en conta o tempo en que os locais non puideron ter aberto ao público. No caso da hostalaría, computará como tempo de inactividade o período en que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesar de manter o servizo en terraza ou para recoller. 

Excepcionalmente, segundo apunta a Consellería de Emprego, debido á situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan pequenas débedas coas administracións públicas.

TODAS ACUMULABLES. No seu conxunto, o segundo plan está estruturado en dúas liñas: a primeira, para autónomos e microempresas –60 millóns activados o xoves– e a deste martes, con axudas "automáticas" para hostalaría e outras actividades pechadas –con 15 millóns–. Todas son acumulables entre si, polo que un mesmo beneficiario podería obter un máximo de 15.700 euros por negocio. 

Son, así mesmo, compatibles cos importes recibidos no primeiro plan de rescate. Desde o pasado novembro, a Xunta destinou uns 160 millóns a apoios directos ao tecido empresarial e un empresario que se beneficie de ambos os programas poderá percibir en catro meses axudas que van desde un mínimo de 3.400 a un máximo de 24.200 euros, segundo destaca o departamento autonómico.

Activado o segundo plan de rescate con 12 millóns destinados a...
Comentarios
ç