viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

O acusado de encerrar a seu pai nun baixo sen luz: "Era o único sitio ao que podía levalo"

O acusado no xuízo. TVG
O acusado no xuízo. TVG
Defende que lle levaba comida e que unicamente o deixou só catro días porque tiña que traballar

O acusado de encerrar ao seu pai durante polo menos tres semanas en Ordes, en 2017, declarouse inocente no xuízo celebrado na Audiencia Provincial da Coruña. O home defendeu que o baixo sen luz nin auga onde o atoparon "era o único sitio ao que podía levalo", un habitáculo que se atopaba "en condicións hixiénico sanitarias e de habitabilidade deplorables", segundo o fiscal. 

Por estes feitos está acusado de detención ilegal, malos tratos no ámbito familiar e incumprimento das obrigacións familiares polo que o fiscal solicita once anos de cárcere. 

"Non podía pagar o piso onde estaba; era o único sitio ao que podía levalo", explicou a preguntas do fiscal, pero admitiu que non había auga, luz nin calefacción no baixo da vivenda onde atoparon ao ancián, de 85 anos. 

Segundo o seu testemuño, estaba a tramitar as subministracións e roubáronlle a neveira, a cociña e o váter, polo que recoñeceu que o pai durmía "nun colchón no chan" e el, "sentado" nunha cadeira. Ambos aseábanse, engadiu, "con botellas de auga". 

A preguntas do fiscal, puntualizou que deixou só ao pai catro días porque tiña que traballar e negou que estivese encerrado xa que as chaves estaban, dixo, "nunha bolsa da compra da comida". Alegou que ao ancián "esquécenselle as cousas" como xustificación de que dixese a veciños e gardas civís, segundo o fiscal, que non podía saír do lugar. 

O acceso, segundo declarou o procesado, era por unha porta "cun puntal" e que só había "que viralo, non estaba atornillado". "Entráballe claridade de fóra", apuntou. 

Segundo a súa declaración, cando atoparon ao pai leváralle "polo cociñado, queixo, fiambres e bebidas" e negou, como declarou a vítima, que lle dese a comida por un buraco.

TRATAMENTO FARMACOLÓXICO. O home rexeitou saber que o seu pai tiña EPOC e asegurou que lle retiraron os tratamentos de Sintrón e para a demencia. 

A preguntas do fiscal, afirmou que ingresaba 1.000 euros como albanel e a pensión do seu pai sumaba 500 euros, pero contestando á súa defensa puntualizou que só percibía 200 euros ao mes e que tiña débedas con facenda. 

"Non me gusta pedir axuda a ninguén", engadiu o acusado, que relatou como anos antes asistira ao seu pai "cando andaba pola rúa, borracho". 

Segundo o seu testemuño, estivo a vivir con el e a súa exmuller, de quen se divorciou un ano antes dos feitos. 

O ancián foi atopado pola Garda Civil, tras ser alertada polos veciños da parroquia e atopábase., segundo o escrito de cualificación, "en total soidade nun habitáculo que carecía de enerxía eléctrica, auga corrente, ventilación, luz artificial ou natural, así como calefacción a pesar de que alí se rexistran temperaturas próximas a cero en gran parte das noites do ano". 

Ademais, o home estaba, engade o fiscal, "en estado de deshidratación e anemia ferropénica por mor da mesma". 

O acusado era o único fillo vivo do prexudicado e, segundo o escrito, "mantivo encerrado ao seu pai durante un período indeterminado, pero en todo caso durante un lapso de tres semanas anteriores á data do 26 de outubro de 2017 cando foi descuberta tal circunstancia". 

O acusado de encerrar a seu pai nun baixo sen luz: "Era o único...
ç