Os acusados do crime da Esmorga, libres ata que haxa sentenza firme

O xurado popular declarounos culpables de asasinato pero o xuíz non ve risco de fuga

Un momento del juicio por el conocido como crimen de 'A Esmorga'. EFE
photo_camera Un momento del juicio por el conocido como crimen de 'A Esmorga'. EFE

Os dous acusados de asasinar a un mozo romanés nun violento episodio e arroxalo á canle no encoro ourensán de Albarellos, en decembro de 2014, tras unha noite de festa, Óscar E.L. e Eduardo L.F., manterán a súa situación de liberdade provisional ata que haxa sentenza firme.

Segundo indicaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os dous acusados seguirán en liberdade provisional con obrigación de comparecer os días "1 e 15 de cada mes".

Logo da vista celebrada este mércores, a xuíza entendeu que non existe risco de fuga ao ser ambos os veciños de Boborás. De feito, ao longo da mañá varios familiares dos acusados compareceron en sede xudicial para probar a situación de arraigamento .

Agora, a maxistrada presidente do tribunal, Ángeles Lamas, terá que redactar a sentenza en base ao disposto no veredicto.

Fiscalía e acusación particular solicitan que se impoñan aos acusados a pena de 17 anos, un ano menos do solicitado inicialmente tras ter en conta unha atenuante por consumo de alcol leve. Pola súa banda, as defensas piden a pena mínima para o delito de asasinato: 15 anos.

Con todo, as defensas terán aínda posibilidade de recorrer o veredicto, en primeira instancia, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e ante o Supremo.