AGE entre bambalinas

Os xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado presentaron onte na librería Couceiro de Santiago o seu libro AGE. Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda (2.0 Edicións), unha crónica da creación e ascenso ao Parlamento do grupo liderado por Beiras.

O volume consta dun texto introdutorio e prosegue cunha serie de entrevistas realizadas durante o mes de decembro a catro dos principais integrantes de AGE: Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz, Martiño Noriega e Xabier Ron. O obxectivo dos xornalistas é o de profundar sobre a “breve e exitosa” traxectoria do grupo.

Manuel Darriba explica que escolleron o formato entrevista para o libro por tratarse “dunha crónica de urxencia e non dun ensaio”, e aclara que tanto el como Salgado só participan “como observadores”, e que tentan sacar os políticos do guión establecido e obter novos datos e análises.

Así, enuncia que as claves deste fenómeno político galego son “a ruptura da figura do nacionalismo hexemónico do Bloque” e “a aparición dunha nova coalición entre nacionalistas e non nacionalistas, que conseguiu un éxito electoral que nin eles esperaban”, sostén.
O xornalista lucense declarou que a intención do libro é seguir “as diferentes fases do proceso” e “indagar sobre as bases de futuro e das intencións de AGE” como grupo parlamentario e coalición, “agora que Beiras se atopa na fase final da súa vida política”.

“AGE seguirá con apoio mentres dure esta crise”

Darriba tamén se atreve co futuro de AGE. “O seu éxito indica un cambio na tendencia do electorado, que reclama a rexeneración da política e busca un espazo fronte aos recortes sociais, como o 15-M. Así que seguirá tendo apoio mentres dure a crise”.

> Infórmate en www.20editora.com 

Comentarios