''No son necesarias más hidroeléctricas, seremos restrictivos''

agustin_hernandez_entrevista_diapo.jpg
photo_camera agustin_hernandez_entrevista_diapo.jpg

Esta á fronte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dende fai un mes e, neste tempo, continúa a analizar a xestión anterior para ver o punto de partida da súa área. Agustín Hernández Fernández Rojas (1961) afirma que o Medio Ambiente é a prioridade e resta importancia ás críticas dunha oposición que, ao seu xuizo, carece de argumentos.

Pregunta: Preocúpalle a visión que podan ter de vostede os cidadáns, polas críticas?

Resposta: A opinión pública verá que a consellería se vai ordenar, que introducirá cordura e profesionalidade no funcionamento e que vai mellorar o que estaba mal, que por desgracia era moito. E esa será a valoración que fagan. O resto é cuestión de política dunha oposición que non ten argumento.

A incompatibilidade demostrouse de xeito claro que non era tal, e no tema da Deputación de Pontevedra eu non certifiquei a obra por non era o director da obra e a min paréceme ben que se fixera para que non se perderan os fondos. Teño claro que os cidadáns me valorarán polo que faga na Consellería e o que me preocupa é traballar para que a valoración sexa correcta, e non por vanidade persoal.

P: Algúns din que unir Medio Ambiente e Infraestruturas é pór ao raposo a coidar das galiñas.

R: Nós apostamos por pór en valor o territorio, o valor de Galicia como país que debe ter un respecto pola súa realidade ambiental e, en definitiva, por máis en valor o medio ambiente. Nós metimos Infraestruturas na Consellería de Medio Ambiente pero vai ter un tratamento fóra da administración xeral, pois imos crear a Axencia Galega de Estradas. Vai ser un centro directivo da Administración pública galega, pero vai ter autonomía. Polo tanto, o primeiro é o medio ambiente e o territorio.

Asuntos 'pendentes' do bipartido
P: Están analizando a anterior xestión. Que atoparon?

R: Serios problemas orzamentarios na consignación dos ingresos no Instituto Galego de Vivenda e Solo e en Augas de Galicia, por exemplo, que teñen serias desviacións neses capítulos e serios problemas para cumprir o obxectivo da execución presupostaria deste ano, porque se non hai ingresos, os gastos veranse reducidos.

Temos tamén problemas serios na xestión de inversións sobre todo as feitas cun goberno en funcións e hai expedientes que se estaban a tramitar sen seguir os trámites axeitados, non contaban cunha planificación e priorización e non hai criterios de reparto, que nós saibamos.

P: Para cando coñecerán a situación real de Sogama?

R: En dous meses contaremos coa auditoría.

Cambios en Sogama?
P: E que papel xogará esta sociedade na xestión dos residuos?

R: A nosa aposta no tema dos residuos é aumentar e mellorar a porcentaxe da reciclaxe para minimizar as toneladas que chegan a Sogama. A partires de aí, pretendemos reflexionar sobre o mellor xeito de tratar as toneladas que van ao vertedoiro.

P: Ampliarán Sogama?

R: A planta está infradimensionada e hai dúas solucións: ampliar Sogama e buscar un emprazamento para facer algún tipo de tratamento alternativo que non ten porque ser unha valorización enerxética.

P: Compostaxe?

R: É complicado, é difícil darlle saída ao compost que se produce. Pero existen outros tratamentos e hai que valorar cal é o mellor ambientalmente, socialmente e facelo rápido.

A saúde das augas
P: E que hai do saneamento das rías? Fixo un bo traballo o bipartito?

R: Fixo moita propaganda e moita demagoxia. Aínda que se fixeron actuacións e melloras puntuais, a situacion global non é mellor que cando empezou o bipartito. O resultado está sendo practicamente cero, non hai unha mellora na calidade das augas das rías. É importante apartar o tema do saneamento das rías do debate político e da confrontación entre Xunta e concellos, independentemente da súa cor política.

P: O bipartito paralizou hidroeléctricas do PP. Vanas recuperar?

R: Temos enriba da mesa a revisión do Plan Sectorial Hidroeléctrico das concas de Galicia Costa e pensamos que os ríos contan con un número de aproveitamentos suficiente, que non é pequeño. Calquera actuación de ampliación ou colocación de máis aproveitamentos debe ser unha actuación extraordinaria, moi meditada e polo tanto seremos moi restrictivos, entendemos que xa existen bastantes aproveitamentos e non cremos que sexa necesarios seguir nesa liña salvo puntuais accións que teñan xustificación.

P:
Ten que elaborar o plan litoral e as directrices de ordenación do territorio. Que aportarán?

R: Nunca na historia de Galicia ninguén foi capaz de aprobar un plan litoral, nin as directrices de ordenación do territorio. Por tanto, o reto do plan é importantísimo e vai significar un cambio radical na concepción do litoral e unha posta en valor desa zona que pode mellorar o noso atractivo e contribuir ao desenrolo de Galicia. Das directrices, temos un documento que nos parece un bo punto de partida e imos seguir traballando para telas no menor tempo posible.

Alta Velocidade en Galicia
P: Prometeu apoio a Fomento para o AVE se dá datas realistas. Que sería realista para vostede?

R: Que o ministerio comprometa datas de licitación polo sistema máis rápido posible. O importante é licitar as obras. Pedimos que o ministerio comprometa cartos e datas de licitación de obra e os cartos que nos anos pasados se presupostaron e non se executaron.

P:
E como cumprirá o PP o compromiso do AVE Lugo-Ourense?

R: O compromiso é que se o ministerio pon enriba da mesa datas de licitación dos proxectos pendentes, compromisos presupostarios das cantidades non executadas no pasado e de tramitación dos expedientes; a Xunta garantiría o apoio para facer adiantos de inversión que logo o Ministerio nos retornaría en exercicios futuros. Fomento terá o apoio da Xunta sempre que garantice de xeito claro e cos cartos enriba da mesa que o AVE será unha realidade e non algo ficticio, como agora.

Mellora do transporte no rural e nas vilas
P: Os seus proxectos en materia de vivenda?

R:
Temos idea de reflexionar cos promotores para tentar mobilizar o parque de vivendas que existe en Galicia e que están sen vender cara as vivendas de protección oficial. Tamén faremos unha revisión profunda do plan de vivienda do anterior Goberno, nacido dende unha consellería que pretendía saltarse as cautelas e a tramitación doutra consellería porque era dunha cor política diferente.

P: Que farán para mellorar o transpote, a mobilidade, en Galicia?

R:
Temos programas para mellorar en zonas urbanas e vilas, tamén propostas para mellorar as posibilidades de intermodalidade e queremos un transporte metropolitano, agora case inexistente. O Goberno anterior só deixou firmado un convenio en A Coruña e unha proposta en Vigo.

Cobro nas autopistas
P:
Manterán as peaxes en sombra, ou desaparecerá este sistema?

R:
As peaxes en sombra, por pechar unha polémica que parece que o Partido Socialista quere introducir, son unha ferramenta que permita que as administracións poidan dispoñer de infraestruturas nun prazo que non sería posible se se pagaran co orzamento da Administración.

Foi unha ferramenta que acordou o PP e que apoiou o PSdeG. O BNG abstívose. Usárono no bipartito e logo din que eran actuacións que levarían a que a Xunta cobrara peaxe. Eses mecanismos nunca van supoñer o cobro dunha peaxe ao cidadán.

P:
Tamén pretenden reducir as peaxes. Como o farán?

R: Imos buscar un mecanismo global, progresivo e xusto para minorar o custo das peaxes nas nosas autopistas. No Estado español existen múltiples mecanismos para compensar as peaxes aos cidadáns que necesitan a autopista para garantir a súa mobilidade. Probablemente irá ligado ao sistema de lectura e pago electrónico.

Traspaso da AP-9?
P: Pedirán a Fomento que traspase as autopistas á comunidade?

R:
Queremos que poña cordura na xestión da AP-53/AG-53, non parece razonable que sexa de dúas administracións e pediremos que transfira o tramo estatal. Tamén queremos a AP-9, e tamén que se nos transfiran os recursos financeiros para mellorar a súa funcionalidade, conexións e capacidade.

P:
Accederá o Goberno central? Non está a amosar moita disposición a facer efectivo ese traspaso que se demanda dende Galicia.

R:
Probablemente teremos menos problemas na A-53, pero co Estatuto na man é posible transferir a AP-9. Polo que teño visto e oído existe unha diferente interpretación da condición de estada de interés xeral por parte de Fomento e da Xunta. A realidade é que é unha autopista íntegramente situada no territorio galego, que non conecta con Portugal.

Peaxes de Rande e Barcala
P: Priorizará a autoestrada Pontevedra-Ponteareas respecto da ampliación da AP-9?

R: Nós consideramos prioritaria a A-57, porque é unha autovía que une a A-52 coa autovía do Salnés e a futura de Vilagarcía. Pero iso non quere dicir que non queramos ampliar Rande, un proxecto en marcha que debe continuar.

Con independencia diso, é imprescindible acelerar a A-57 porque inclúe a variante de Pontevera, a única capital de España que aínda non ten unha variante en condicións. Ademais, reducirá os tráficos na AP-9, desconxestionaríaa moitísimo.

P: O PP foi crítico no seu momento coa supresión das peaxes de Rande e Barcala. Poranos de novo?

R: Están liberados, son feitos incuestionables que nós non poñemos en dúbida.

Comentarios