A alcaldesa de O Porriño declarará o luns por un posible caso de prevaricación

La alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre. AEP
photo_camera A alcaldesa de O Porriño, Eva García de la Torre. AEP

A alcaldesa do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, declarará este 5 de outubro nos xulgados desta localidade, investigada por un suposto delito de prevaricación administrativa, segundo confirmaron fontes xudiciais. 

Neste procedemento, que se segue no xulgado de instrución número 2 do Porriño, están tamén investigados o que fora edil de Vías e Obras, Manuel Carrera (do partido UDDL e antes no PP), un exconcelleiro socialista de Limpeza, Orlando Márquez, varios empresarios e unha asesoría. 

A investigación remóntase a varios anos atrás e, de feito, abríronse varios procedementos por diversas denuncias, entre elas do PP. Neste caso, investíganse supostas irregularidades na adxudicación de contratos para servizos como limpeza viaria, rozas e xardinaría. 

No seu día, a rexedora admitiu publicamente que podería haber irregularidades administrativas, pero non prevaricación, e xustificou ante a Fiscalía a adxudicación dos contratos pola necesidade de que O Porriño tivese eses servizos mentres non se terminaba o procedemento para facer unha licitación. 

Tanto Manuel Carrera como Orlando Márquez xa declararon nesta causa, mentres que Eva García de la Torre foi citada para este 5 de outubro. As partes pediron a suspensión, pero o xulgado non acordou nada respecto diso de momento. 

Manuel Carrera foi concelleiro de Vías e Obras no anterior mandato municipal pero, tres meses antes das últimas eleccións locais, a rexedora cesouno, xunto a outro edil de UDDL, por "ineficacia e deslealdade". 

Curiosamente, após eleccións de maio de 2019, García da Torre chegou a un acordo con Carrera para que lle dese o seu voto na investidura, necesario para que puidese repetir como alcaldesa. Pouco despois, o concelleiro de UDDL foi nomeado cargo asesor no grupo provincial do PSOE na Deputación de Pontevedra.

Comentarios