"Alcoa ten solución, pero con propostas realistas e non con mítins nin eslogans"

O 5-A eran "unhas eleccións máis", pero chegou o coronavirus e todo cambiou. Agora, o 12-J "vai decidirse o futuro de Galicia para 50 anos". Por iso haberá unha papeleta nova, a da Marea Galeguista. O seu candidato é o coruñés Pancho Casal
Pancho Casal.XOÁN REY (Efe)
photo_camera Pancho Casal.XOÁN REY (Efe)

Marea Galeguista é un proxecto político novo. Como o define?
É unha proposta galeguista que vai do centro á esquerda, con vocación de ser transversal e de falar con todos os galegos e que xorde do entendemento, que foi moi bo, de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista.

Que queda da En Marea orixinal neste proxecto?
Queda moito. Para empezar, unha parte das candidaturas están formadas por xente procedente de aí. E logo a aposta polo que En Marea levaba tempo defendendo: a emerxencia feminista, social e sobre todo ambiental. Quizais as outras partes non tiñan tan presente nos seus programas este último aspecto, pero nós pensamos que o futuro de Galicia pasa pola sustentabilidade e que debe ser transversal.

Cerna non se sumou.
Cerna realmente nunca tivo presenza orgánica dentro de En Marea; había persoas a título individual como as había de Podemos. A realidade é que o 100% das nosas listas é xente independente do mundo da cultura, o ensino, a sanidade, autónomos… Estou moi satisfeito coa candidatura e coa interlocución que hai porque che achega outras cousas. Por exemplo, unha visión máis ampla da lusofonía e a relación con Portugal, porque para Galicia ten máis importancia un tren a 200 por hora ata Porto que o Ave a Madrid. Entendémonos mellor cos portugueses que cos madrileños.

E Luís Villares? Está el implicado?
Luís non ten presenza pública. De feito aínda é deputado, pero vai incorporarse como maxistrado e quere ter un período de relaxamento. Eu son discípulo del aínda que lle levo 20 anos e se estou en política e sigo nela é por ter a carón unha persoa como Luís, que é un exemplo de honestidade, lealdade e ideas claras. Luís podería ser o mellor presidente que tivera Galicia, sen dúbida. Pero as circunstancias foron as que foron. El precisamente marchou para facilitar acordos con forzas soberanistas, en concreto Anova e BNG, e finalmente non puido ser.

O 5-A non se presentaban e o 12-X si. Que mudou nestes meses?
Pois o cambio que sufriu toda a sociedade. Naquel momento foi un tema táctico, porque eran unhas eleccións máis. Pero agora vai decidirse o futuro de Galicia para 50 anos.

Por que?
Porque hai que cambiar o paradigma. Xa non pode ser o bloque da esquerda contra o bloque da dereita. Hai que reconstruír o país contando coa inmensa maioría da cidadanía e para iso Marea Galeguista pode ser a ligazón. O PP necesita estar na oposición, pero colaborando, porque temos que contar cun partido que representa unha parte importante da sociedade galega. Acabamos de velo no Congreso, onde o PP votou a favor do ingreso mínimo vital. ¡Se gobernase en maioría xamais aprobaría esa medida! Pensamos que a política debe decidirse no Parlamento e que cando non hai maiorías absolutas as cousas pódense negociar moito máis. Aquí non se trata de que unha maioría remude a outra e, se nós temos capacidade para decidir tras o 12-J, apostaremos por un goberno que conte con todas e todos.

Pero coa súa irrupción a esquerda fragméntase máis, non?
Ao revés. Cremos que somos a única oportunidade de que non haxa maioría absoluta do PPdeG. Aquí hai tres alternativas: un voto ao triunvirato que quere ser alternativa [PSOE, BNG e GcE], outra maioría absoluta do PPdeG ou, no medio, un grupo de xente que sen renunciar aos seus principios progresistas entende que non se trata de uns contra outros senón de que todos participemos. É saber que estamos nunha nova época.

Tamén acusan a Marea Galeguista de estar a soldo do PPdeG.
Iso é unha tontería froito da cerrazón mental dalgúns, unha proposta reducionista coa que este país non vai a ningures. Sobre todo porque nós non necesitamos patrocinio porque non nos xogamos nada a nivel persoal, xa que todos temos os nosos traballos.

Que reto se fixan para o 12-X?
Ser decisivos. Alomenos o suficiente para poder construír un país de futuro con todas e todos.

Nas enquisas non saen?
Somos unha oferta nova. Pero apostamos moito pola empatía dos nosos candidatos. Somos xente que pode falar con calquera, de dereitas, de esquerdas, traballadores, empresarios…

Se o resultado electoral no é o acadado, desaparecerán?
Non o sei. Pero están poñéndose os bimbios de algo, porque a relación con CxG e PG é estupenda e hai un espíritu de responsabilidade moi forte por todas as partes. Eu vou apostar por Marea Galeguista porque teño claro que isto é o futuro: o concepto de soberanismo cidadá. Significa decidir sobre aquelas cousas que nos afectan. Por exemplo, se se invisten 5.000 millóns de euros no Ave a Galicia, co tramo entre Zamora e Ourense como o máis caro do mundo a 80 millóns o quilómetro, eu o que quero é propoñer que se faga o Ave ata onde sexa recto e barato e logo, un tren a 200 por hora ata Galicia. E co que aforro, vertebro con ferrocarril todo o territorio galego.

Outros proxectos galeguistas anteriores fracasaron. Queda espazo político en Galicia?
Socioloxicamente si, estou convencido. A ver se nos da tempo a trasladalo ao eido electoral.

Valore a xestión da pandemia por parte de Goberno e Xunta
Eu non quero ser capitán a posteriori e quen diga que se podía previr isto mente. Partindo diso, a xestión do Goberno paréceme mellorable, pero razoable. En canto a Feijoo, non fixo nada e negou a autonomía, sen reinvindicar competencias. E cando llas deron na terceira fase, apurouse a pedir que lle dixeran como tiña que facer. A cousa aquí saíu razoablemente ben porque a epidemia chegou máis tarde e xa nos colleu confinados, como en Portugal. 

Vostede foi voceiro de industria con En Marea no Parlamento. Ten solución Alcoa?
Ten, pero con propostas realistas, non con mítines e eslóganes que non axudan os traballadores. É imprescindible a intervención do Estado, da Xunta pero tamén de empresas do sector. Está claro que Alcoa quere pechar. Pero se vemos as contas de Aluminio Español, factura 3.000 millóns ao ano, pero a produción de San Cibrao son 400 ou 500. E o resto? Comercialización de aluminio de Arabia Saudita e China que entra polo porto de Vigo. Queren pechar aquí e que dependamos totalmente das súas importacións e non podemos permitir iso. E máis agora que do aluminio dependerán milleiros de postos de traballo porque é un material con enorme futuro: os coches eléctricos serán de aluminio, a súa capacidade de reciclaxe fará que substitúa os plásticos…

Que propón entón?
Hai que dicirlle a Alcoa que se non quere seguir se aparte e venda. Se non quere, pois a alternativa é que deixe todo aquilo como estaba, como figura na concesión, para o que terá que investir 400 ou 500 millóns de euros. Todos os galegos puxemos cargos para baixar o recibo da luz de Alcoa pero logo esa pasta vai para as eléctricas. Aquí hai xente que fala de tarifas eléctricas galegas; a min dame igual que sexan de Galicia ou do Kurdistán, o que quero é que sexan competitivas. Facer por exemplo como Francia: que as hidráulicas que teñen concesións públicas vendan electricidade a un prezo fixado polo Estado a longo prazo. Así a enerxía nunca subiría dos 35 euros megawatio. Alcoa, con esas condicións, é rendible e ten moitísimo futuro. Pero ollo! A uns 30 anos e non máis, porque de aquí a 2050 ningunha actividade de consumo enerxético intensivo terá futuro. Pero nese tempo a Xunta poderá desenvolver outra iniciativa empresarial na zona. Hai que lembrar que Galicia ten terreo fértil, auga, vento e mar, e os países que teñen iso son os países do futuro.

Un prognóstico para o 12-X?
É imprescindible que o PPdeG perda a maioría, pero hai que contar con eles na oposición porque terán cousas que achegar.

Comentarios