Alonso Montero:''Non coñecín a Vidal Bolaño ata o final. Para min foi unha experiencia moi interesante''

Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) afronta hoxe o seu primeiro 17 de maio como presidente da RAG.

P ¿Como chega ao seu primeiro Día das Letras Galegas á fronte da Academia?
R
É importante o que isto significa respecto á responsabilidade e o traballo, especialmente nestas alturas da miña vida. Polo que me gusta estar no meu lugar nesta data, dedicada a un dramaturgo tan importante, peculiar e significavo como Roberto Vidal Bolaño, ao que eu estimaba moito e valoraba, aínda que non o coñecín persoalmente ata o final, cando nunha ocasión recorreu a min para solicitar textos que tiñan que ver coa Guerra Civil para a preparación dun espectáculo. Foi unha relación breve pero moi interesante. O certo é que ao volver a el decátome de que foi un acerto da Real Academia Galega elixir o seu nome para ser protagonista deste 17 de maio.

P A iniciativa de dedicarlle esta data a autores próximos no tempo parecen ser moi ben vistas.
R
Si, neste caso case non cumpre a lei establecida pola Academia de que sexan escritores mortos hai dez anos, que son autores moi recentes. No que atinxe a Roberto Vidal Bolaño trátase dun home morto moi novo, con 52 anos. Xa se está producindo este tipo de consagración que a RAG e a comunidade galega dispensan a un escritor.

P ¿Podería adiantar algo sobre o homenaxeado do vindeiro ano?
R Resulta que eu, aínda que son presidente, non son máis que un académico, polo que só teño un voto. O día que se reúna o plenario durante o mes de xuño presentaranse varias propostas que serán obxecto de deliberación e, posteriormente, de votación. Eu teño levado diferentes propostas e intento que saian adiante, pero repito que para votar a un escritor ou escritora que outros ou eu propoñamos, eu só teño un voto.

P ¿Pero hai algún nome que soe máis que outros?
R
Neste momento, polo menos na interioridade da Academia, non soa ninguén. Estamos concentrados no acto do día 17 [hoxe] e o único que nos interesa é que saia ben. Despois deixaremos de pensar en Roberto Vidal Bolaño porque xa pasou o seu día, aínda que as compañías de teatro sigan a representar a súa obra, e comezaremos a pensar na figura á que se lle dedicará no ano 2014.

P ¿A que se refire cando fala da apertura da Academia?
R
Cando falo da apertura refírome a que quizais haxa unha parte da sociedade galega que non saiba que é a Academia e cal é a súa utilidade. Tamén é certo que se facemos unha enquisa en España, sobre as funcións da RAE, mesmo entre xente de certa instrución, tampouco saberían moito. Pero a nosa obriga é que a sociedade galega teña un coñecemento axeitado do que é a RAG. Polo que faremos unha especie de opúsculo que sintetice todo isto e o faremos chegar non tanto a profesores de universidade ou filólogos, que xa saberán sobre o tema, senón que á xente común.

P ¿Que nos pode dicir sobre a polémica xerada polo seu intercambio de declaracións con algúns membros do BNG?
R
Eu non teño ningunha polémica co BNG. Se a teño... é coa sociedade galega. Cuantitativamente eu teño moita obra sobre temas filolóxicos, lingüísticos e sociolingüísticos e sempre dixen e sigo dicindo que o idioma galego é da sociedade galega, non de Izquierda Unida nin do Partido Comunista, por citar dúas organizacións políticas. Todo o que hai que facer co galego ten que ir proxectado sobre a sociedade galega. E alí onde vexamos sectores da sociedade pouco motivados ou comprometidos, o que temos que facer é motivar ese compromiso.

P ¿Pero que lle parece que Pilar García Negro diga que o presidente da RAG é un “españolista extremista”?
R
Eu non sei o que quere dicir españolista. No meu DNI, como no de calquera outro galego, consta que somos cidadáns de España. E o somos en Galicia e, ademais, no meu caso, moi comprometido coa cultura galega. Teño 84 anos, son máis vello que Ferrín e fun un pioneiro, xa que desde o 57, sendo catedrático de lingua e literatura castelás, quebrantando a normativa franquista, trataba de levar aos meus alumnos no instituto a idea de que a lingua galega existía, que había que vela con dignidade, e explicaba algúns escritores galegos.

P Un compromiso coa cultura galega que vén de lonxe...
R
O meu compromiso coa lingua galega ten unha longa historia. Non sei se é mellor e máis intelixente que outros compromisos ou se os outros compromisos son peores e menos intelixentes que o meu. Para sabelo habería que recorrer a unha instancia superior que non existe. Se comprobamos o perfil ideolóxico e político dos 11 presidentes que me precederon, hainos de moi distintas características e non estou menos comprometido coa lingua que moitos deles. Eu son republicano e aspiro a vivir nunha España que sexa república federal. Se chegase a ver isto, intentaría defender a cultura galega nesa España federal, que sería a terceira república, e vostede sabe que á terceira vai a vencida.

“A RAG terá unha nova política de comunicación e un consultorio na web”

P Existía o convencemento de que o anterior presidente só informaba sobre a institución aos dous medios que lle eran afíns. ¿Rematará vostede con ese escurantismo?
R
Houbo zonas de sombra con Ferrín... Tamén houbo voces moi críticas, como a de Henrique Monteagudo. O certo é que as dúas candidaturas insistimos na transparencia.

P ¿A prometida sección de comunicación vai facer constatable ese cambio?
R
Si, contamos con Víctor Freixanes, un experto en comunicación. Tamén é importante que imos crear unha sección de norma, de norma culta, que terá adscrito un consultorio sobre lingua para que a xente poida preguntar. A idea é que empece a funcionar en breve. Ás veces a xente pregúntase: “¿Como debo escribir esta palabra?”

P ¿Como vai funcionar o consultorio?
R
A través da páxina web, pero
aínda hai que definilo.

P Contempla crear unha oficina de comunicación.
R
Queremos comunicar doutro xeito aos medios os persoeiros aos que se lles dedique o Día das Letras, alá xa polo 15 de xuño, dando máis información sobre a figura que se escolla. Se a Real Academia Galega fai cousas, debe informar sempre sobre elas.

Comentarios