martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

Ana Miranda toma posesión do seu escano en Bruxelas

Ana Miranda. BNG
Ana Miranda. BNG

A eurodeputada do BNG loitará para que Galicia non sexa discriminada nos fondos de cohesión 

 A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, tomou posesión este mércores do seu escano –compartido na alianza Os Pobos Deciden e que ata a data ocupaba Josu Juaristi (EH Bildu)– nun pleno en Bruxelas no Parlamento Europeo. 

Así, Miranda sinalou que este "é o escano de Galicia en Europa", e comprometeuse a traballar "sen descanso" para que a Comunidade galega non sexa discriminada na repartición dos fondos de cohesión a partir de 2020. 

Logo de agradecer aos votantes que apoiaron ao BNG nas eleccións europeas en 2014, garantiu que se deixará "a pel e o cerebro" no seu cargo, que desempeñará "con moita ilusión e, sobre todo, en beneficio dos galegos". 

"Asumo este escano con firme obxectivo de defender os intereses de Galicia e evitar que sexa moeda de cambio", sostén a eurodeputada, que avanza que o seu traballo terá un "marcado carácter social". Denunciará a precariedade laboral e os recortes nesta materia, mentres avisa de que "a recuperación económica da que fala o Partido Popular é unha mentira". 

Tamén seguirá pendente da investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, á vez que o Bloque lembra que o informe emitido pola Comisión Europea en relación co sinistro "foi froito das xestións do BNG, quen acompañando ás vítimas, non cesou no empeño de que Bruxelas tomase cartas no asunto para esclarecer a verdade". 

Outras cuestións sobre as que prestará atención serán a memoria histórica, a denuncia dos recortes de liberdades no Estado español (o Bloque presentou en novembro unha petición para ilegalizar á Fundación Francisco Franco e retirarlle a xestión do pazo de Meirás) e a pesca. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non puido asistir este mércores á toma de posesión de Miranda como estaba previsto debido ao atraso nos voos que debía tomar desde Galicia nunha xornada de temporal. 

Ana Miranda toma posesión do seu escano en Bruxelas
Comentarios