jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Ana Pontón: "O BNG pode cambiar o agravio de Madrid cara a Galicia por respecto"

Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)
Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)
O BNG afronta o Día da Patria co pulo logrado nas últimas eleccións e mirando de reollo ás seguintes, en 2020, cando, segundo di a súa portavoz nacional, Ana Pontón, espera amosar "toda a potencia" do seu proxecto para pór fin "á década de fracaso de Feijóo"

O lema do 25-X é ‘Galiza, un novo impulso’. Tan parado ve o país? 
A quen vexo parado é ao Goberno galego, que non está á altura do que necesita Galicia. O PP demostrou non ter ningún proxecto de futuro e o balance destes dez anos deixa a Feijóo moi mal parado, con 250.000 emigrados, crise demográfica, menos emprego e máis precarizado... Galicia necesita un novo impulso e quen llo pode dar é o BNG, que ten un proxecto para pór a producir todo o noso potencial en beneficio dos galegos. 

Xa que cita a demografía, como ve a nova lei da Xunta? 
Feijóo prometeu hai dez anos cambiar a tendencia demográfica e hoxe temos os peores datos da historia. É o retrato do fracaso da súa política económica, porque o problema demográfico non se soluciona dicíndolles aos pais que teñan fillos ou aplicando políticas natalistas que fracasaron en todos os lugares; soluciónase creando as condicións económicas necesarias. Por iso a lei é unha fraude. 

O BNG pensou o Día da Patria como campaña de afiliación. Como vai? 
Vemos unha enorme corrente de simpatía cara ao BNG e moita xente achegándose. O mellor termómetro foron as últimas eleccións, onde de 4.000 candidatos a metade non eran afiliados. Agora animámolos a dar o paso de formar parte dun proxecto como o noso, que precisa dunha base forte. 

Cantos deles son retornados? 
Hai de todo. Xente que volve ao BNG, outra nunca estivo e para algúns é o primeiro contacto coa política. Moita xente dime que grazas a nós recuperou a ilusión pola política e iso é importante porque é a ferramenta para cambiar as cousas. Estamos nun momento de grave descrédito político e iso é un perigo para a democracia. 

Sempre di que aquí hai máis nacionalistas dos que din as urnas. 
Na última enquisa do CIS un 24% da poboación declarábase nacionalista. É interesante... 

Entón que cre que lle falta ao Bloque para convencelos? 
Nos últimos tres anos o BNG deu un cambio moi importante, abriu un tempo novo e logrou recuperar a ilusión: duplicamos apoios nas xerais e nas europeas, e nas municipais demos un salto adiante. Temos un proxecto sólido, con tradición pero que tamén se renovou cunha nova xeración de dirixentes. Estou convencida de que nas autonómicas se verá toda a potencia deste novo BNG, que ademais é a alternativa para construír un futuro diferente en Galicia. 

Nos galegos existe un sentimento de identidade moi forte e o reto do BNG é facer que cristalice nunha maior concienciación política

A transversalidade podería ampliar esa base. Pode o BNG chegar a acordos coa dereita? 
O feito de vivir nun Estado centralista que toma decisións sobre o noso futuro condiciónanos de forma negativa, e por iso ter capacidade de decisión é clave para darlle a volta á situación. Neste escenario non imos pactar cunha dereita que representa o ataque á nosa identidade e que é antigalega, retrógrada e machista. O BNG sitúase nuns valores de progreso nos que pon por diante os intereses do país, pero nese ámbito non hai moito onde pactar. Oito anos de PP en Madrid e agora un do PSOE confirmaron que, no que ten que ver con Galicia, ambos son dúas pingas de auga, e iso é alarmante. Se queremos cambiar o rumbo a aposta é o nacionalismo, porque mentres sigan tomando as decisións en Madrid, iranos mal. 

Vivimos nun ‘madridcentrismo’? 
Vivimos nun momento de recentralización brutal e afastamento dos centros de decisión, primeiro en Europa e agora en España. Limítase a nosa capacidade de decisión e vémolo a diario. 

Os partidos nacionalistas e rexionalistas medraron o 28-A. É unha resposta a esa agresión á periferia? 
Creo que fronte a ese españolismo tan agresivo que vemos nos últimos tempos hai unha resposta de reafirmar a identidade. E do que estou convencidísima é de que en Galicia hai un sentimento de pertenza e identidade moi forte, así que o que temos que facer é que cristalice nunha maior concienciación política. Ese é un reto que ten por diante o Bloque. 

Malia ese escenario favorable, non lograron entrar nas Cortes. 
O noso obxectivo era volver ter representación, porque estamos vendo que, en Madrid, ou está o BNG ou ningúen nos defende. 

Será a primeira lexislatura sen nacionalismo galego en Madrid. 
Desde 2015 non había ningunha forza política que actuase defendendo os intereses de Galicia. Vímolo no debate da moción de censura, no dos orzamentos do Estado e estamos a velo no de investidura. Vexo a valencianos, vascos, cataláns e se me apuras aos cántabros expoñendo demandas dos seus territorios, e aquí ninguén fala da AP-9, da enerxía, da débeda histórica coa dependencia, do financiamento... Se queremos que Galicia conte ten que estar o BNG. Na UE temos unha eurodeputada e iso marca a diferenza. 

O PP está en caída libre e iso xa non o cambia ninguén de aquí a 2020, pero tamén é certo que as autonómicas teñen unha dinámica propia

E como ve a investidura? 
Creo que neste mes non vai haber Goberno, pero a política non é unha foto fixa e pode cambiar en pouco tempo. Vexo demasiada guerra de sillóns e intereses partidistas. E a Galicia desaparecida. 

Será outro Día da Patria co nacionalismo galego dividido. A unidade é inviable, pero a cooperación? 
Cada quen defende o espazo onde quere traballar. Anova ten un punto de partida moi claro, que é a súa alianza estratéxica con Podemos. Existe pluralismo político e eu non teño que dicirlles aos demais o que teñen que facer. Nós ofrecemos o noso proxecto para defender os intereses de Galicia, que non teñen solución desde Madrid, e esa é a reflexión máis importante que temos que facer no 25-X. Para iso convocamos unha mobilización aberta a todos os que confían neste país e queren construír un futuro diferente. 

Cre que o novo proxecto de Villares con En Marea ten espazo aquí? 
Quen o dirá son os galegos e galegas, que xa nos foron dando pistas nos últimos procesos electorais. Pero cada quen ten que apostar polo que considere; eu creo no pluralismo político. 

O PPdeG deixou de ser hexemónico nas últimas eleccións. Pode mudar isto de aquí a 2020 ou xa non? 
O PP está en caída libre e iso non o cambia nin toda a propaganda de Feijóo na TVG, pero tamén é certo que as eleccións galegas teñen dinámica propia. Hai unha maioría social que quere cambio, pero para que sexa real ten que facerse en clave de país, non cambiando a submisión a Rajoy pola submisión a Sánchez. Sufrimos un trato de absoluto agravio e se queremos cambialo por respecto temos que facernos respectar. E iso é algo que só pode conseguir o BNG.

Presentarase Feijóo? 
Non perdo tempo niso porque nin depende de min nin me parece relevante. O que vemos é que o PP non ten proxecto para Galicia.

Dicirlle a este país que a única vía económica que ten é o turismo e o Xacobeo é un erro

O Xacobeo 2021 é o gran proxecto da Xunta. Veo un revulsivo? 
Eu a estas alturas non creo nos milagres. Dicirlle a este país que a única vía de recuperación económica é o turismo é un erro. Ten que ser parte do desenvolvemento, pero eu boto en falta unha estratexia para crear valor engadido nos sectores básicos ou que non haxa posición clara na innovacion, o coñecemento e o talento. Cando o único que ten un é encomendarse ao Apóstolo... 

É optimista con Meirás? 
É un gran triunfo de Galicia e tamén dunha parte importante do nacionalismo, que estaba só cando empezou este debate. Agora estamos en mans da Xustiza, o que tampouco é garantía de nada, polo que é fundamental que se manteña a presión social. 

A inestabilidade no Goberno central penaliza a Galicia? 
Os atrasos no Ave, no saneamento, no ferrocarril, as peaxes da AP-9... todos son problemas que tivemos sempre, con gobernos estables e inestables. Esa dinámica só se rompeu cando o BNG foi decisivo.

Ana Pontón: "O BNG pode cambiar o agravio de Madrid cara a Galicia...
Comentarios