Anova asegura que estará representada "con garantías" nas autonómicas e que hai contactos

Noriega sinala que existen negociacións "formais" desde esta semana co espazo "rupturista" galego
Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN
photo_camera Martiño Noriega. PEPE FERRÍN

O responsable das relacións políticas de Anova e exalcade de Santiago, Martiño Noriega, asegurou este mércores que o espazo "estará representado con garantías" nas próximas eleccións autonómicas e avanzou que mantén negociacións "formais" desde esta semana co espazo "rupturista" galego. 

En declaracións aos medios na capital galega, Noriega non precisou con quen se estableceron eses contactos, nin tampouco falou de líderes polo momento, xa que —dixo— é "un debate que non está sobre a mesa". "Vallo máis polo que calo que polo que digo", engadiu, á vez que aclarou que "no espazo de confianza é no que se constrúen as relacións políticas". 

Ante a posibilidade dun adianto electoral, para uns comicios previstos para este ano, Noriega sinalou que Anova "é un espazo heterodoxo que sempre foi ao límite nos prazos" pola "complexidade" á hora de articularse como unha organización política que non é "tradicional". Con todo, "se hai que acelerar" o proceso acelerarase", dixo. 

Por agora, o traballo céntrase en "testar" o espazo rupturista e "o que ten que ver coas mareas municipalistas" para "analizar as condicións" dun momento no que se consideran "decisivos na aritmética para cambiar o Goberno" galego. En todo caso, a prioridade de Anova é "antepoñer o país e a posibilidade de ter un Goberno alternativo a Feijóo", traballando "rápido e en silencio", xa que "os prazos apuran" nun "momento histórico". 

Compostela Aberta estrea coordinadora coa substitución de Noriega no aire
Compostela Aberta constituíu a súa nova coordinadora e anunciouno este mércores como unha cuestión que supón "un paso máis e non menor" á hora de conseguir "unha substitución" para a portavocía do partido, que agora ostenta o exalcalde Martiño Noriega. 

Tras as eleccións municipais de 2019, Noriega sopesara deixar o cargo que ocupaba no seu partido unha vez se producise unha reorganización interna. Con todo, este mércores Noriega explicou que "non depende só del", senón "dos compañeiros e compañeiras, así como das dispoñibilidades e os tempos" de cada un. Por este motivo, o exalcalde quere "evitar entrar en debates" e tomar as decisións que considere en función dos "tempos". 

Comentarios