domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Antón Gómez Reino: "Vexo na xente fame, desexo e posibilidades reais de cambio"

Antón 'Tone' Gómez Reino. PEPE FERRÍN.
Antón 'Tone' Gómez Reino. PEPE FERRÍN.
Gómez Reino é o candidato máis optimista da esquerda en Galicia. Ve o PP "nervioso" e cre que os galegos xa visibilizan unha alternativa consolidada de esquerda con tres forzas: Galicia en Común, PSOE e BNG . 

Xa vai alá máis de media campaña. Que sensacións ten?
Pois despois da fin de semana a sensación é que hai fame, desexo e posibilidade real de cambio. E o máis importante: a xente percibe que hai unha alternativa clara de goberno formada por tres forzas con vontade de cooperación e cun programa para cambiar o país.

Ve os galegos coa cabeza máis nas eleccións ou no coronavirus?
A xente ten a cabeza nas preocupacións do día a día: a situación económica, social, laboral… Precisamente por iso falamos de que esta campaña é decisiva e histórica; non son unhas eleccións calquera senón que nos xogamos moito tras dez anos difíciles de recortes, austeridade e privatizacións. Estes catro meses de coronavirus deixaron claro que o que precisamos son gobernos que gobernen. Vémolo co Goberno central, que aprobou os Erte, a suba do salario mínimo, o ingreso vital, a prórroga da prohibición de desafiuzamentos e cortes de agua… Iso é o que necesitamos en Galicia.

Como pode influir o brote da Mariña nos comicios?
No resultado non o sei. Pero é evidente que o señor Feijóo e o PP convocaron estas eleccións única e exclusivamente polos seus intereses partidistas e electorais, e puxéronos por diante da saúde dos galegos e das garantías democráticas. Nos seis días que lle quedan como presidente da Xunta esixímoslle que garanta os dereitos sanitarios e a saúde da poboación da Mariña, pero tamén debe garantir, como único responsable da convocatoria, o dereito ao sufraxio.

Deben suspenderse as eleccións?
Agora hai que saber o que acontece na Mariña e esixir transparencia e datos actualizados. Logo, se non se dan as situacións de garantía sanitaria esixibles para uns comicios é evidente que o proceso electoral non se pode celebrar.

Falou co resto da oposición disto?
Si. Falamos con PSdeG e BNG e todos estamos na mesma liña, pero non só agora senón desde hai meses, cando consensuamos que non nos parecía axeitada a data das eleccións. O consenso entre os tres agora é claro: na Mariña é fundamental que todos os cidadáns poidan votar.

Teme unha baixa participación?
Eu creo que calquera demócrata ten que buscar unha participación alta. Nós o que temos claro é que neste momento todo votante de esquerda, progresista e que quere un cambio porque está farto das listas de espera e de que lle pechen centros de saúde e escolas infantís pois ten que ir a votar o 12-X.

Nas enquisas, Galicia en Común segue sen remontar. Preocúpao?
O que din as enquisas con total claridade é que Galicia en Común se disputa os deputados claves que poden desnivelar a balanza co PP, nas provincias de Pontevedra, A Coruña e probablemente tamén en Lugo. Por iso o voto a Galicia en Común vale doble: porque garante que haxa deputados que defendan políticas de esquerdas e porque cada escano réstalle un ao PP.

Vostede parece o máis optimista de toda a esquerda.
Eu son unha persoa positiva por natureza. Nun momento como este temos a responsabilidade de mandar mensaxes que reforcen a confianza tanto nas institucións como no compromiso dunha saída da crise pola esquerda.

Que comentou con Pablo Iglesias a fin de semana?
Con Pablo coincidín na diagnose de que en Galicia non só nos xogamos o Goberno galego senón que se consolide o ciclo de gobernos progresistas no resto do Estado. E falamos de algo evidente: que o proxecto político de Feijóo non ten nada que ver coa Xunta senón coa aspiración de suceder a Casado.

Remata a campaña sen solución sobre a mesa para Alcoa.
Por parte de Feijóo só hai silencio, inacción e acusacións a outras administracións, mentres non exerce as competencias que aínda lle quedan esta semana como presidente. Dixérono con claridade o vicepresidente do Goberno e a ministra Díaz: a próxima Xunta debe participar na solución e na intervención para salvar os milleiros de postos de traballo de Alcoa. Se Galicia en Común está no vindeiro Goberno galego todo o mundo sabe que seguiremos onde sempre estivemos: cos traballadores.

Quedou satisfeito co debate?
Máis alá da miña sensación persoal, na que puxen enriba da mesa propostas, o principal do debate é que se viu un Feijóo moi nervioso, que cando non ten o terreo de xogo comprado perde o partido. O debate tamén evidenciou que hai unha alternativa para este país, formada por GeC, PSdeG e BNG.

Que será o primeiro que faga tras o 12-X se chega á Xunta?
Chamar á ministra de Industria e a Álvaro Dorado, presidente de Alcoa, para dicirlle que a Xunta participará para salvar Alcoa.

MOI PERSOAL | "Coñecín a Xulio Ferreiro en Riazor o día no que o Deportivo perdeu a Liga co penalti de Djukic"

Non sae da casa sen...
Sen a mochila, onde levo todo o que podo necesitar un día: desde un abrigo a algo de tecnoloxía ou un bañador por se podo darme un baño nunha praia ou río do país. 

Como levou o confinamento?
Leveino ben, máis alá das dificultades persoais derivadas da distancia coa miña filla [en Arxentina], que naceu no confinamento.

Ten a familia repartida polo mundo e xuntouse confinamento con campaña. Como leva non vela?
Se en algo se me está facendo longa a campaña non é polas viaxes, mitins ou encontros senón pola distancia coas dúas pequenas.

Tone é moi coruñés. Como o tratan en Vigo?
Tone é un coruñés que desde pequeño defendeu sempre que o noso país é unha comunidade humana conxunta e que Vigo é unha cidade na que me sinto igual que cómodo que na miña e onde sempre me trataron moi ben.

O seu colega Xulio Ferreiro é moi do Dépor. Vostede?
Eu coñecín a Xulio na grada de Riazor o día no que o Deportivo perdeu a Liga co penalti de Djukic. El era amigo de miña irmá. Eu fun moi deportivista e sígoo sendo, pero o fútbol ocupa hoxe menos tempo no meu ocio.

Non fixo unha foto con vacas na campaña. Non é moi rural, non?
Eu traballei nove anos no laboratorio que fai o control de calidade de todas as explotacións lácteas do meu país, o Ligal. Creo que se hai un candidato que humildemente saiba de leite, produción gandeira e vacas neste país ese son eu.

É moi de montaña. Recoméndenos unha en Galicia para camiñar.
Todo o mundo debería de subir a Trevinca, entre outras cousas porque as montañas tamén axudan a entender que as fronteiras moitas veces son máis políticas e administrativas que reais. Outra montaña para subir é o Monte Pindo.

Ou Monte Pío?
Monte Pío non é para subir, senón para abrirlle as portas aos galegos.

Quédalle tempo para ler?
Estou retomando libros que me emocionaron e que nesta campaña lembro moito e incluso cito. Un deles é por exemplo ‘Porca terra’, de John Berger.

Unha viaxe soñada?
Unha praia ou unha montaña, sen móbil, coas miñas fillas e coa xente que quero.

Antón Gómez Reino: "Vexo na xente fame, desexo e posibilidades...
Comentarios