Antonio López asume as rendas da USC

"Seremos unha institución máis democrática, máis transparente, máis responsable", dixo o novo reitor ► Viaño defendeu a súa xestión por "recuperar a estabilidade económica" e "mellorar e modernizar a oferta formativa" 

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López tomou posesión este martes como novo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), de modo que substitúe a Juan Viaño coa promesa de facer que a institución sexa "máis democrática, máis transparente, máis responsable, pero ademais máis forte". 

Así o expresou durante o acto no que se puxo á fronte da universidade máis antiga de Galicia, que se celebrou no salón nobre do Colexio de Fonseca e ao que asistiron, ademais do reitor saínte, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro. 

Durante o seu discurso de nomeamento, López apostou por "revitalizar" o goberno da USC, "sacar á universidade da crise na que estaba sumida" e "recuperar a ilusión" de todos os traballadores e estudantes. 

Neste contexto, insistiu en restaurar "o papel dos órganos colexiados" como o claustro universitario, "para que sexan verdadeiros espazos de debate, de control e de rendición de contas. "A USC ten que aspirar a un modelo de goberno que incorpore os mellores valores da democracia participativa e deliberativa", expresou. 

A continuación, destacou a autonomía universitaria como unha "garantía institucional da liberdade de cátedra e investigación" que ademais "debe ser construída cada día". "A autonomía non é un privilexio do goberno da universidade, é unha esixencia para preservar a súa función", subliñou. 
Así mesmo, López declarou que a USC enfronta a transformación dixital da sociedade "nunha situación crítica" con tres eixos —o escenario financeiro, a perda de persoal e unha autonomía cuestionada— que configuran "un ámbito de incerteza cara ao futuro inmediato". 

López pediu incrementar o financiamento da universidade pública en Galicia

Neste sentido, dirixiuse ao conselleiro de Educación para esgrimir que, "aínda que moitas desas cousas, en Galicia, están a facerse ben, tamén é certo que noutras terán que buscar puntos de encontro para atopar novas solucións". 

"Necesitamos incrementar o financiamento da universidade pública en Galicia, xa que, na actualidade, aínda non alcanza o un por cento do PIB, mentres que a Comunidade xa recuperou o nivel de gasto non financeiro anterior á crise", expresou, para despois pedir que esa "recuperación" económica se traslade ao ensino superior, algo que considera "inaprazable".

VIAÑO DESPÍDESE "CON HONRA". Pola súa banda, o anterior reitor despediuse coa "honra" que supuxo para el dirixir a USC con "tres grandes obxectivos": a "recuperación e a estabilidade económica", "mellorar e modernizar a oferta formativa" e "consolidar un modelo de universidade de referencia". 

"Creo, sinceramente, que logramos o tres obxectivos", asegurou Viaño para despois engadir que en 2014 —ano no que tomou posesión— a situación era "crítica", algo que "mesmo o levou a admitir publicamente que as medidas impopulares que estaban a tomar eran o mellor, e quizais o único remedio contra a hibernación e mesmo a desaparición da universidade centenaria". 

Con todo, admitiu que "de nada vale o aumento de orzamento nin a construción de miles de metros cadrados de infraestruturas (...) se non se ten claro que cada un ten que asumir a súa responsabilidade como docente, investigador, persoal de administración e servizos ou como estudante". 

Viaño deixou "ben claras as diferenzas" co seu sucesor, pero desexoulle "a mellor das fortunas"

Non en balde, lamentou a existencia de "actitudes individualistas" na USC que, "aínda que non eran causa de ningún delito, si demostraron un pequeno grao do sentido da responsabilidade e do respecto pola institución". 

Ao final do seu discurso, Viaño deixou "ben claras as diferenzas" co seu sucesor, pero desexoulle "a mellor das fortunas": "Deséxolle, sinceramente, que o seu equipo e vostede leven con éxito a esta universidade cara ao novo rumbo que trazaron".

MÁIS DE 25.000 ALUMNOS ANUAIS. Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria fixo fincapé no carácter "moderno" da USC, que cada ano acolle, segundo os seus números, a máis de 25.000 estudantes cada ano nun total de 56 carreiras. 

Neste contexto, Rodríguez trasladou ao novo dirixente "todo o apoio" da Xunta e do seu departamento, á vez que valorou o "tempo complexo" ao que Viaño se tivo que enfrontar, "con decisións moitas veces incomprendidas" grazas ás que, segundo afirmou, "a USC está hoxe mellor preparada para o futuro".

ENTREGA DE BASTÓN DE MANDO. No acto, o reitor saínte entregou o bastón de mando e a medalla a López, quen xurou o seu cargo para despois facer o propio o resto do seu equipo directivo, entre o cal se atopa a nova secretaria xeral, Doce María García Mella. 

O catedrático converteuse así no novo reitor da USC tras obter máis do 60% dos votos nas eleccións do pasado 23 de abril, nas que derrotou a Viaño no seu segundo intento, catro anos despois de perder por escasa marxe. 

Comentarios