Anxo Lorenzo: ''La Cidade da Cultura deberá ser un lugar de consumo cultural, pero también de producción de ideas y debates''

Tras asumir o decreto das linguas no ensino, dirixe agora un departamento no que toca desde o audiovisual ao patrimonio, e tamén o Gaiás. E en tempos de axustes.

P. Parece que lle gustan as encomendas comprometidas...
R. Política Lingüística tivo o decreto, que foi un proceso complexo. E neste momento, nun contexto de dificultade e de restrición, non hai ningún tema fácil.

P. ¿Que tal a acollida do sector?
R. Non teño ningunha queixa. Ao revés, noto interese por traballar de maneira conxunta. Hai cuestións para tratar con certo coidado, como a dos cartos por aboar de actividades de 2011, e queremos regularizalo canto antes.

P. ¿Como está ese tema? ¿O Agadic tiña pendentes pagos ao audiovisual ou ao teatro?
R. O ano pasado pechouse o exercicio orzamentario en setembro e houbo que diferir pagamentos a 2012. No Agadic hai pagamentos por realizar que corresponden ao
primeiro terzo deste ano. Entendo que a xente quere cobrar canto antes, e xa se está pagando. O proceso levará ata finais de marzo.

P. Tamén terá que presentar en breve o plan para o Gaiás, ¿hai data?
R. Hai que presentarlle á cidadanía un plan estratéxico ben feito, cun plan de explotación e de viabilidade económica e social. Polo tanto, debe presentarse cando estea perfectamente acabado.

P. ¿Non está acabado? AnunciáAnunciárase para o mes de novembro, e aprazárase pola coincidencia coa campaña electoral.
R. Non está acabado. Cando o estea presentarase. ¿Cando? Non o sei. Nas próximas semanas, meses.

P. ¿Como se pode facer rendible o Gaiás, económica e socialmente?
R. Ten que ser un polo de desenvolvemento económico. Ata agora entendíase como un lugar de consumo cultural, para asistir a cousas. Esa é unha función que hai que seguir tendo, pero o Gaiás tamén ten que ser un lugar de produción, de ideas para as industrias culturais de Galicia, de debates.

P. Un dos desafíos é darlle contidos.
R. A biblioteca estase dotando con fondos e estase realizando un proceso de dixitalización dun calado tremendo, de legados. En canto ao museo, inaugúrase a mediados
de ano coa exposición Gallaecia Petrea. Se terá ou non colección permanente, haberá que definilo. En principio para este ano, e probablemente 2013, non.

P. ¿Como se pode conseguir a viabilidade económica do complexo?
R. Tamén estará no plan estratéxico. Hai que facer fincapé en que o 75% do diñeiro para as actividades culturais o pon a Fundación Gaiás, a fundación privada na que están empresas. Este ano temos para programación cultural 4,6 millóns, dos que 3,5 son da fundación e 1,1, da pública. É unha fórmula que debe seguir funcionando así.

P. Se non se fan os dous edificios paralizados, ¿o complexo queda coxo, ten máis difícil a viabilidade?
R. O Gaiás terá catro edificios a pleno rendemento e en 2014, noutra situación, o Goberno que estea decidirá que facer. No caso de que non se cheguen a construír, o lóxico
será tomar decisións para que nese espazo haxa algunha utilización, aínda que sexa paisaxística.

P. A posibilidade de non facelos parece máis aberta que antes...
R. Temos catro edificios. Temos un plan que vai especificar un modelo de uso, de negocio, de explotación. E se se decide facer os dous edificios, un ou ningún, creo que o proxecto estará perfectamente cerrado en calquera circunstancia.

“O primeiro responsable de manter o patrimonio é de quen depende; despois, a Xunta colabora”
P. Máis aló do Gaiás, ¿cales son as prioridades cos distintos sectores?
R. Agadic ten que ser o elemento central da acción cara ás industrias culturais, e hai que reforzala. A maior parte dos sectores teñen que interpretarse e reinterpretarse, en clave industrial, de empresas que levan a cabo un traballo que xera riqueza e emprego. E hai moitas máis prioridades, como o patrimonio e a lectura.

P. Ademais de con axudas, ¿como se pode impulsar esa industria?
R. Unha vía é animando os nosos produtores culturais a internacionalizarse e a vender os produtos fóra. De feito, temos un convenio co Igape para o audiovisual. E á industria editorial acompañámola a feiras...

P. Teñen pendente a nova lei de patrimonio cultural.
R. Ímola introducir no Parlamento antes de que remate a lexislatura e a ver se dá tempo a aprobala.

P. ¿Como se pode mellorar a protección e a conservación?
R. A maioría do patrimonio ten responsables. E de quen depende debe ser o primeiro responsable do seu mantemento, conservación e difusión. Despois, a Xunta colabora. De nós dependen algúns equipamentos, e noutros casos colaboramos. Un exemplo é o da Igrexa. A Xunta bota unha man, como nas catedrais e no plan Igrexa Segura, que agardamos presentar en breve.

“Non saio da casa sen o móbil e o meu último capricho foi un punteiro para o iPad”
P. As súas principais afeccións son...
R. A lectura, escoitar música, ver series de televisión e facer deporte.

P. ¿Vai a miúdo ao cine ou ao teatro?
R. Vou máis ao cine, pero menos do que me gustaría, sobre todo actualmente.

P. ¿Unha película especial?
R. Teño moitas. Unha delas é Blue velvet, de David Lynch.

P. ¿Que libro ten hoxe na mesiña de noite?
R. Non teño un só, porque me gusta ler varios a un tempo. Agora estou coa biografía de Paz Andrade de Tucho Calvo, cun ensaio de Baumann chamado La modernidad líquida e con Postguerra, de Tony Judt.

P. ¿Un autor de referencia?
R. Agustín Fernández Paz e John Connolly.

P. Non sae da casa sen...
R. O móbil.

P. ¿Un lema na vida?
R. Non son de lemas.

P. ¿Traxe ou vaqueiros?
R. Depende do día e do momento.

P. ¿Unha viaxe especial?
R. Houbo varias, pero quedaría coa primeira a Bos Aires.

P. ¿E unha paixón?
R. O meu traballo.

P. ¿O último capricho que se permitiu?
R. Un punteiro para o iPad.

Comentarios