Ascende a doce o número de falecidos en Galicia a causa da gripe

O Sergas asegura que a gripe xa superou o limiar epidémico nas catro provincias

Una mujer recibe la vacuna de la gripe. ARCHIVO
photo_camera Una mujer recibe la vacuna de la gripe. ARCHIVO

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) deu conta este venres do ascenso a doce do número de falecidos por mor da gripe en Galicia desde o comezo da campaña a finais do mes de outubro.

No informe semanal de vixilancia deste virus, o Sergas expón que a gripe xa superou o limiar epidémico nas catro provincias, pero que aínda mostra unha intensidade baixa e unha tendencia de difusión crecente.

Así pois, o impacto do virus saldouse xa con 12 mortos, cinco máis que a semana pasada, dos que oito non estaban vacinados.

De igual forma, tamén se incrementou o número de persoas que foron ingresadas por culpa desta enfermidade, chegando a 467 en total -177 máis que hai unha semana-, das que 274 xa recibiron a alta médica. De todas elas, a 419 indicáraselles a vacina antigripal, que non foi recibida en 215 dos casos.

As chamadas aos servizos médicos por gripe e por infeccións respiratorias agudas, con todo, mostran un lixeiro descenso respecto ao anterior período de referencia, causado pola baixada do segundo tipo de doenzas, xa que as chamadas por gripe si seguiron aumentando.

Por grupos de idade, a poboación máis afectada son, por orde, os maiores de 64 anos e os comprendidos entre 45 e 64 anos.

Comentarios