Asocim denuncia a saturación dos centros de información á muller

A asociación reivindica o dereito á saúde do persoal técnico dos CIM
Monserrat González. SALVADOR SAS
photo_camera Monserrat González, presidenta de Asocim. SALVADOR SAS

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (Asocim) denuncia a sobrecarga de traballo á que teñen que facer fronte desde os CIM, o que está a repercutir na súa saúde. "Cun cadro de persoal insuficiente e unha excesiva burocratización, o desgaste físico e psicolóxico do persoal é patente desde hai anos, unha situación que as administracións competentes deben resolver xa", sinalan nun comunicado.

Desde Asocim sinalan o risco psicosocial que representa o seu traballo, pois ao igual que o persoal sanitario, a atención ás usuarias dáse nun contexto de máxima complexidade que esixe un grande esforzo mental. "Se a isto lle engadimos unha xornada laboral superior á estipulada e a dispoñibilidade para atender cuestións de carácter administrativo e de coordinación, obtemos un persoal e un servizo totalmente saturados e esgotados", engaden. Por este motivo, din, urxe contemplar este risco á hora de clasificar os Centros de Información á Muller na Relación de Postos de Traballo (RPT) dos concellos.

Desde a asociación sinala que o Decreto 30/2016 "segue a incumprirse de moitas e diferentes formas, por exemplo ao non cubrirse as baixas laborais". Así mesmo, apuntan que as figuras mínimas que establece o decreto de 2004 que regula os CIM –e que se manteñen no decreto de 2016–, unha avogada e unha psicóloga, é escaso á hora de prestar este servizo. Por isto, afirman que cómpre incluír canto antes persoal de apoio para a atención das tarefas administrativas, así como outros perfís especializados en Igualdade.

Finalmente, Asocim sinala no seu comunicado o papel fundamental que os Centros de Información á Muller de Galicia teñen, xa que prestan "atención ás mulleres vulnerables, prioritariamente ás vítimas de violencia de xénero". "Só con CIMs ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar e orientar ás vítimas", conclúen.

Comentarios