Coa escusa da publicación dun libro con parte dos seus artigos políticos, un grupo de xente a título persoal organizou unha homenaxe á traxectoria de Bautista Álvarez (San Amaro, 1933).
P ¿Como se recibe unha homenaxe deste tipo e vindo de quen vén?
R Pois con sorpresa, non o vou negar. En teoría ía ser a presentación dun libro...
P Pero supoño que satisfeito...
R Non hai máis remedio que agradecelo, pero estou acomplexado.
P ¿Por que?
R A miña contribución política non é un sacrificio, é unha vocación, por iso penso que non merezo isto. Para min o nacionalismo é unha forma de pensar, de contribuír á liberación da miña terra.
P ¿E cando comeza esa forma de pensar en Bautista Álvarez?
R Lembro que foi cuns 14 anos cando me dei de conta, ao escoitar que un idioma o falaba unha nación e un dialecto era unha forma de falar da xente que non tiña nación. Eu viña do rural, onde o español era unha imposición.
P ¿E non houbo fraqueza nacionalista nestes 50 anos?
R Non. Iso sería renunciar. É unha vocación, e iso non fraquea.
P Clandestinidade, arrestos, xuízos no Tribunal de Orde Pública... ¿De que forma lle influíu?
R Era unha época máis arriscada, na que pasei por case todas as comisarías galegas, e boa parte dos cárceres, incluído Carabanchel... Había perigo, pero tamén o hai hoxe, só que distinto. O de hoxe é pensar que todo está feito.
P ¿Garda moito rancor?
R Non, non. Gardo un criterio negativo respecto das persoas que foron represoras do nacionalismo. E non cito nomes; non fai falla.
P ¿E que lembranzas ten do grupo Brais Pinto?
R Brais Pinto era unha forma de concretar unha loita por Galicia nun momento no que era moi difícil. Había xente que quería desvincular Galicia da loita política e encauzala pola cultural, e logo o resto. Brais Pinto pasou á historia, pero non polo labor cultural, apenas publicou, senón por ser o núcleo onde naceu o nacionalismo galego da posguerra.
P E de onde saíu tamén a UPG. ¿Que papel tivo a súa formación en Galicia en todos estes anos?
R De todas as organizacións que xurdiron despois da Guerra Civil é a única que se mantén en pé. Só por iso xa merece certo respecto. Penso que o seu papel foi restaurar o nacionalismo galego dentro do país. Naquel momento apareceron moitas siglas, pero todas desapareceron, menos a UPG.
P E agora hai quen a culpa dos males do nacionalismo...
R Será a culpable, será... Pero igual tamén é problema daqueles que pensaron que o problema era de siglas e non de ideoloxía. Mire, a UPG ten uns defectos, eu son o primeiro en recoñecelo. As cualidades que vinculan a esquerda de todo o mundo son a crítica e a autocrítica. E esta última faltou en ocasións dentro da UPG.
P Ás portas dunha Asemblea, ¿cara a onde ten que ir o BNG?
R Cara aos principios fundacionais. Hai dúas formas de lograr un avance electoral: unha verdadeira, introducindo a ideoloxía na sociedade e sumar masa social antes que electoral; e outra secundaria, que é ir a aquelas expresións ideolóxicas que teñen mellor calado na sociedade. Pero esa é unha vía trabucada e incluso desemboca en que moitos nacionalistas queden desencantados ao ver na súa posición política os mesmos comportamentos que os dos seus inimigos. Esa é a reflexión do BNG.