Beiras, sobre as 'baixas' de En Marea: "Non se pode loitar contra a casta se hai casta dentro"

O histórico dirixente falou das relevantes ausencias no plenario da organización, ás que Villares lles quitou ferro

Plenario de En Marea. PEPE FERRÍN
photo_camera Plenario de En Marea. PEPE FERRÍN

O histórico dirixente do nacionalismo galego e membro do Consello das Mareas, Xosé Manuel Beiras, cargou con dureza contra os parlamentarios de En Marea que renegan do partido instrumental polo que foron electos para o Parlamento de Galicia e as Cortes do Estado. "Calquera que diga que non é de En Marea sendo deputado por En Marea está a estafar aos cidadáns que o elixiron", espetou. 

"Non se pode loitar contra a casta se hai casta dentro", asegurou Beiras á súa chegada á Facultade de Económicas, onde este sábado ten lugar o plenario no que o partido instrumental definirá o seu papel para as eleccións autonómicas do próximo ano e a súa relación cos parlamentarios nas Cortes, aos que a dirección pide que representen "o suxeito político galego". 

Beiras, acompañado polo portavoz de En Marea, Luís Villares, atendeu aos medios e mostrouse moi crítico con aqueles parlamentarios electos polo partido instrumental pero que marcan distancia coa organización. "Iso é absolutamente inaceptable. Sempre fun contrario a medidas disciplinarias, pero haberá que tomar medidas", apuntou. 

"En En Marea todos os cargos electos son de En Marea. Todos os membros dos grupos nas Cortes e o Parlamento de Galicia foron inscritos nunha lista presentada por unha organización que estaba constituída xa desde a Asemblea de Vigo como partido instrumental da unidade popular e de afiliación individual que se chamaba En Marea", lembrou. 
Deste xeito, Beiras reclamou a "a representación" de En Marea en Madrid que manteñan "unha disciplina de absoluto respecto ao proxecto porque non tela nestas circunstancias é unha deslealdade cos cidadáns que os elixiron". 

Para o histórico político, contradicir este principio "pon en perigo a credibilidade da organización" e "calquera proceso e evolución positiva" fronte á "involución" que, ao seu xuízo, sofre o Estado español.  "É unha responsabilidade ética. Sempre dixen que a ética por encima da política. Gustaríame que isto fose predicable a toda a esquerda do Estado. Pero non o é. É o primeiro que temos que resolver", remarcou. 

Así as cousas, Beiras considera que a situación que atravesa o Estado cun "autoritarismo disfrazado de constitucionalismo" debe afrontarse con "moita intelixencia", "moita unidade" e "moitísima disciplina". "E iso é o que está a faltar". 

VILLARES QUITA FERRO. O portavoz de En Marea, Luís Villares, quitou ferro ás ausencias este sábado no plenario que a formación rupturista celebra en Santiago, onde, entre outros, non participarán os chamados 'alcaldes do cambio'. "Cada un ten as súas prioridades. Todos os votos e todas as voces valen o mesmo para decidir o discurso político", comentou. 

Villares atendeu aos medios á súa chegada á Facultade de Económicas onde desde as 10,00 horas deste sábado En Marea celebra un plenario do que sairá a súa postura e grao de implicación nas candidaturas municipalistas para as eleccións do próximo ano. 

Un conclave no que non participarán os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro; Santiago, Martiño Noriega; e Ferrol, Jorge Suárez; quen, no verán de 2016, encabezaron os movementos que derivaron no nacemento de En Marea.  "Os impulsores o que dixeron no seu día era que daban un empuxón ao proxecto e o proxecto voaría. O que está a facer hoxe En Marea é voar", asegurou Villares, que engadiu que lle gustaría que no plenario deste sábado "estiveran os 2.500 inscritos" da formación rupturista. 

"O positivo é que todo o mundo poida facer achegas. É o grande do espazo de En Marea, que todo o mundo en igualdade de condicións e con horizontalidade pode facer achegas. Aquí é o lugar para facelo", apostilou. 

Comentarios