Beiras bota a vista atrás

Nun café de redacción organizado polo Grupo El Progreso en Santiago, Xosé Manuel Beiras (Santiago, 1936) fixo un repaso dos seus 75 anos de “compromiso co país”. Foi con motivo da súa homenaxe, promovida por personalidades do ámbito social, cultural e político e nun momento no que o BNG vive “tempos convulsos”. El só agarda que a formación “non bote pola borda todo o patrimonio acumulado durante estes anos”.

A biblioteca paterna, o mestre Pereira e o activismo de Piñeiro. A “impregnación da existencia dunha identidade propia no plano cultural e idiomático” débello Beiras a seu pai, Manuel Beiras, dono “dunha biblioteca galega insólita para quen era encargado dun almacén”. No plano ideolóxico, son tres os vectores que configuraron a conciencia colectiva do Beiras preadolescente: os supervivintes do Partido Galeguista, con quen seu pai tiña relación; o mestre Pereira, quen o preparou para o Bacharelato sen ter que “ir á escola do fascismo nin a colexios de curas”; e o seu tío Tucho, oculista nacionalista e “de pensamento comunista”.

Asemade, a figura de Ramón Piñeiro –“coñecino cando saíu da cadea, tería eu 13 anos”– foi clave. Son os 60 e xorden as organizacións clandestinas do nacionalismo: UPG e PSG, esta última que dirixirá Beiras.

Galaxia e o éxito de O atraso económico de Galicia. A faceta académica de Xosé Manuel Beiras ocupa un gran espazo na súa traxectoria vital, da que evoca as estancias en Madrid, Londres e París e a “oportunidade de voltar ao país” cando foi chamado para encargarse da Revista de Economía de Galicia, que lembra como un “mundo moi especial” que lle posibilitou manter relación con Álvaro Cunqueiro, os Álvarez Blázquez ou Celso Emilio Ferreiro.

Non eido universitario, resalta a incorporación á nova facultade de Ciencias Económicas compostelá e a consecución dunha cátedra “convocada para deixarme a min fóra”. Aí saíu “o Beiras agresivo”. Vencellado a Galaxia, do seu labor editorial Beiras lembra as súas traducións do francés de Camus e O atraso económico de Galicia, que foi “unha bomba” no 71.

O seu papel no PSG. No político, os comezos dos 70 coñecen o “primeiro precedente do deseño do frontismo do Bloque”: o documento UPG-PSG, elaborado nunha casa de Vigo onde “viviamos, casualidade, nun piso Camilo Nogueira e noutro eu”. Parece que pode triunfar unha opción federalista do PSOE, pero non prosperou e fíxose coa dirección do PSOE “o tándem Canijo [Afonso Guerra]-Felipe González”, que “empezan a marear a perdiz”.

Achéganse as primeiras eleccións democráticas, as do 77, e o PSG non pacta. “Quedamos sós”, sinala Beiras, quen asume que esa situación “foi unha das causas da miña crise”. “Se chegamos a pactar, o BNG do 82 non sería posible”, argumenta en defensa do “sacrificio do PSG a curto prazo”.

O “descenso aos infernos”. Co PSG en descomposición, Beiras fai as eleccións “nunhas condicións psicolóxicas límite” e pouco despois entra “no dique seco”, non seu “descenso aos infernos”. “Na transición fun un ovni”, asegura, un período do que saíu a finais do 81, comezos do 82. “Hai dous Beiras; eu nacín dous veces: a primeira no 36 e a segunda no 81-82, despois da crise”, sostén, evocando un período que o levou a pasar por 14 psiquiatras.

Superado isto, chega a invitación da UPG a crear a fronte, a súa elección como único deputado do BNG no 85 e a renuncia ao soldo para seguir na facultade. Beiras lembra agora eses anos como “unha etapa preciosa”.

Comentarios