Beiras: "Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría"

O histórico dirixente nacionalista sostén que "a esquerda ten que dar exemplo e ten que practicar unha ética absolutamente irreprochable"

Beiras, entre el público del Parlamento
photo_camera Xosé Manuel Beiras, no Parlamento.PEPE FERRÍN

O histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras asegurou este xoves que se fose Paula Quinteiro, a deputada de En Marea identificada pola Policía, "dimitiría" porque "a esquerda ten que dar exemplo e ten que practicar unha ética absolutamente irreprochable". Nunha entrevista na Radio Galega, abordou a situación actual da parlamentaria, cuxa dimisión foi solicitada pola coordinadora da formación ao Consello das Mareas, que se reunirá este venres nunha sesión extraordinaria.

Beiras será unha das persoas que terá que participar na votación sobre o futuro da deputada de En Marea e inscrita en Podemos, xa que forma parte do Consello das Mareas, máximo órgano de decisión da formación. Recordou, antes de opinar sobre se debería dimitir, que En Marea é "unha alternativa que se procreou para darlle voz á rebelión cívica" e asegurou que "non se pode loitar contra a caste se empeza a haber caste dentro das propias alternativas que loitan contra a caste".

"Ten que decidilo ela, eu non dou consignas a ninguén, a miña opinión é que Paula Quinteiro cometeu un disparate e Paula Quinteiro deixou de actuar na sociedade, polo tanto na vida cotiá, como persoa que representa á xente máis agredida neste país e, polo tanto, para a defensa dos seus dereitos e liberdades", detallou.

É imposible que eu fose Paula Quinteiro, a miña traxectoria demostrou que era imposible que fixese nunca o que ela fixo

"Evidentemente —continuou— o primeiro que tiña que facer foi o que fixo despois. Se, efectivamente, todo o mundo pode ter un mal día, pois entón dicir que tivo un mal día ou dicir que pedía desculpas aos electores para empezar, a toda a militancia de En Marea, aos compañeiros e á Policía Municipal", agregou.

A pesar de que optou por non facer ningunha recomendación concreta á deputada, si explicou que faría se se vise nesa situación. "Se eu fose Paula Quinteiro, dimitiría, o que pasa é que é imposible que eu fose Paula Quinteiro, a miña traxectoria demostrou que era imposible que fixese nunca o que ela fixo", subliñou.

Reclamou, no entanto, que se utilice "a mesma vara de medir para todo o mundo", aínda que destacou que "a esquerda ten que dar exemplo e ten que practicar unha ética absolutamente irreprochable". "Neste momento hai altos cargos da Xunta de Galicia, da Consellería de Sanidade, incriminados pola Fiscalía por homicidio nada menos, con motivo do que se fixo cos pacientes da hepatite C e, con todo, a Xunta de Galicia defendíaos ata última hora", abundou.

Nese sentido, sostén que "deberían deixar o escano os deputados do PP que apoian políticas que acaban matando xente por exemplo as políticas de redución de sanidade ou as que provocan a pobreza enerxética".

Comentarios