Besteiro: ''Haré una oposición útil teniendo claro que la vida política en Galicia no se limita al Parlamento''

O novo secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, traballa para que a unidade amosada no último congreso e o contacto fluído entre as bases e a dirección se convirtan na «marca da casa». E anuncia unha oposición útil.

¿Que valoración fai do congreso extraordinario do domingo?

Eu quedei moi satisfeito. Penso que foi un congreso histórico por moitas razóns: porque marca un tempo novo, porque foi o triunfo da militancia e porque confirma unha evolución sen precedentes onde o PSOE volve mostrar que está na vangarda da política. Ademais, tendo confianza cega no futuro, fomos quen de recoller o legado do noso pasado.

Dirao pola presenza de Laxe, Touriño, Paco Vázquez... o certo é que a cita estivo chea de chiscadelas á unidade. ¿Buscaba esa imaxe?

Eu sempre defendín un partido máis unido e os militantes tamén querían iso de cara ao futuro. Pero tamén hai que mirar ao pasado. Por iso xuntamos todos os secretarios xerais do PSdeG na etapa democrática e os expresidentes da Xunta. Iso ten que ser o normal.

¿E a contribución de toda esa xente quedará aí, nunha fotografía?

Non. Van seguir tendo protagonismo. Foron activos do PSdeG no pasado e teñen que seguir séndoo. En distinta situación, si, pero iguamente entregados. A unidade foi a marca do noso congreso e será a marca da casa.

Pero vostede falou dun PSdeG descosido... ¿Xa colleu a agulla?

Sempre hai que traballar moito, pero en clave de unidade. Ten que ser o principio que inspire a executiva en todas as decisións. Non é algo circunstancial do congreso.

¿A que atribúe a diferenza entre o apoio a vostede (95%) e á nova executiva (68%) no congreso?

É absolutamente normal. Eu comprometinme cos militantes a renovar e reducir a executiva, pero fíxeno porque eles mo preguntaban, non porque xurdira da miña imaxinación. Así que non quería empezar incumprindo iso.

¿Sorprendeuno tanta preocupación nas bases pola dirección?

Eles preguntaban, así que supoño que lles preocupaba. Pero o que máis me sorprendeu foi que vin unha militancia moi informada, e iso é moi positivo. É bo que a dirección e as bases conecten.

¿Recibiu xa algunha queixa interna pola executiva? [Onte sóubose que a corrente Izquierda Socialista se sente traizoada por non ter ningún representante no novo equipo].

Aínda non, pero chegarán seguro. E é normal que cheguen.

¿Como definiría esta dirección?

Plural e renovada.

¿A quen destacaría como os nomes fortes da mesma?

Son todos. Cada un coa súa responsabilidade, pero formando un bloque. Eu teño postas moitas esperanzas nesta executiva e seguro que será quen de estar á altura.

Pero sempre hai xente con máis protagonismo...

Si, claro. Por exemplo a secretaria de Organización. Pero eu destacaría desta executiva que nela están representadas todas as áreas cos problemas que preocupan á xente. Hai que ter en conta que as cousas cambiaron e hoxe hai cuestións máis presentes que nunca como a económica, os autónomos, as pensións... Estamos no momento máis importante dos últimos 30 anos e o PSdeG debe estar aí.

Falou de Pilar Cancela. ¿Que condicións viu nela para o cargo?

Compromiso, unha máis que probada competencia e, sobre todo, decisión. Son cuestións importantes para a área de organización.

E tamén ten moito carácter...

¡E paréceme ben! Ten que telo. Eu teño plena confianza en que o seu papel será exitoso.

E iso que a súa primeira toma de contacto en Santiago, na campaña das primarias, non foi moi boa. Ela criticouno bastante...

Iso demostra tamén como é o novo secretario xeral do PSdeG.

O gran segredo: ¿quen será o voceiro parlamentario?

Ese é un tema que entendo que se pregunte por el, pero é unha decisión que debo compartir primeiro co grupo parlamentario e a executiva. Sería pouco serio dar nomes antes de falar con eles.

Pero, ¿ten unha idea clara?

Teño ideas e pensamentos.

O debate do estado da autonomía está aí. ¿A decisión é inminente?

É razoable que sexa pronto, pero tampouco nos debe condicionar a premura do debate.

¿Que agarda do encontro con Alberto Núñez Feijóo?

Eu non faría unha interpretación máis ou menos importante dese encontro. Hai un novo secretario xeral do PSdeG e irá presentarse a Feijóo e ao resto de partidos; pero tamén aos sindicatos, aos empresarios, á sociedade... Iso é o que ten que ser normal en política. O anormal é o contrario. Eu voulle dicir que con este partido se pode dialogar, haxa acordos ou non, pero os cauces da comunicación en democracia son importantes. O meu lema é coñecer cada día un galego e é normal que empece polo primeiro deles, que tamén é o meu presidente. E logo co resto, sen exclusións, como son eu.

¿Que agarda dos seus compañeiros de oposición a nivel galego?

Eu sempre espero o mellor de todo o mundo, porque entendo que iso é o que queren os cidadáns, que os políticos se relacionen.

Co BNG xa ten probada experiencia na Deputación de Lugo, pero con Age será un experimento novo.

Age está aí porque os cidadáns o decidiron e non son eu quen de exlcuir a ninguén. ¡Nin quero! Eu falo de diálogo con todos.

¿Como fará Besteiro oposición á Xunta fóra do Parlamento?

Eu vou facer unha oposición útil. É outro dos compromisos que teño. Un PSdeG que sexa útil para sacar o país da mala situación na que se atopa, con responsabilidade. Temos que ser capaces de dar claves de utilidade para Galicia e con esa premisa afronto o traballo dos vindeiros meses.

Parece que será unha oposición máis branda que a actual.

Canto toque crítica, crítica. Cando toque propostas, propostas. Eu non vou expor unha política demagóxica. Nin é útil nin o esperan de nós os cidadáns.

¿Insiste logo en sacarlle ferro ao feito de estar fóra do Hórreo?

Mantéñoo, si. A decisión de elixir o secretario xeral foi dos militantes e escolleron entre dúas persoas, das cales ningunha estaba no Parlamento. ¿É un problema iso? Non. No PSdeG teñen que coincidir as terminais parlamentaria, social, municipal, europea... A política en Galicia non se circunscribe ao Parlamento, senón a España, a Europa, ao mundo. A Cámara é importante pero non é a única vida que existe para os cidadáns. Eles só esperan de nós que resolvamos os seus problemas e non esteamos permanentemente enfrontados por anécdotas.

«Unha dereita enchida de poder é soberbia, pero torpe; e nós faremos que tropece». É unha cita súa no congreso. ¿Como o logrará?

Estamos nun intre clave onde a xente empeza a percibir que a dereita non se preocupa de mellorar a vida dos cidadáns. E nós, co noso proceso de primarias que conecta directamente a quen elixe con quen sae elixido, estamos marcando o camiño do que hai que facer. E a dereita non vai cara a iso. A xente ten sensación de que non sabe o que está pasando realmente e o máis importante agora é dicir a verdade da situación e non despistar con iso de que imos ben e que somos os campións da xestión.

Executiva

Por agora non recibín queixas pero seguro que chegan; é o normal. Igual que o menor apoio á nova dirección que ao líder»

Pilar Cancela

Ten compromiso e é competente, así que o seu papel será exitoso... ¡E paréceme ben que teña carácter; ten que telo!»

Oposición

Cando toque crítica, crítica e cando toque proposta, proposta... O que non vou facer é demagoxia porque non o vexo útil»

Parlamento

A Cámara galega é importante pero non é a única vida que existe para a xente; os cidadáns teñen outros problemas»

Remuda

«Santín pode ser un magnífico candidato á secretaría lucense»

¿Séntese totalmente apoiado por Rubalcaba e por Ferraz?

Evidentemente. É certo que eu falei dun PSdeG que debe reinterpretarse en clave galega, que os galegos nos vexan ocupados dos seus problemas... pero ao mesmo tempo non renunciamos a un proxecto federal. Hoxe os intereses de Galicia non se limitan ás catro provincias. Imos pór o exemplo do despoboamento, que afecta a Galicia, pero tamén a Asturias e Castela e León. Na procura dunha solución... ¿non podemos traballar de acordo con outras federacións do PSOE ou que Ferraz tamén se ocupe diso? O partido debe mirar cara a dentro e cara a fóra sen complexos.

Parece que se trata dun xiro galeguista do PSdeG.

É unha volta a dar solucións aos problemas de Galicia, moitos deles endémicos. Pero eu non falaría dun xiro.

É curioso que Rubalcaba non citara a palabra primarias en todo o congreso. ¿Falou con vostede en privado desa cuestión?

El quedou contento. Non hai que esquecer que este proxecto de primarias tamén se debe á propia actitude de Ferraz, que podía telo prohibido e non o fixo. Hai que facer certo recoñecemento a esa actitude, penso eu.

¿Haberá primarias para elixir o candidato do PSdeG á Xunta?

En principio, estou convencido de que ten que ser así.

¿Antes ou despois das eleccións municipais de 2015?

Cando toque. Pero hoxe é un tema que non ocupa nin un segundo dos meus pensamentos.

Hai europeas en 2014, municipais en 2015 e autonómicas en 2016. ¿A cal lle dá máis importancia?

Todas as eleccións son importantes. E iso que parece que as europeas sempre están máis descontextualizadas do día a día, pero é que a presenza de Europa nas nosas vidas é cada vez maior. Os socialistas temos que loitar por unha Europa solidaria entre os distintos territorios, que agora mesmo non é a que hai.

¿E as municipais?

É un reto para calquera partido.

Pero vostede xogarase nelas a Deputación. ¿Suporá iso un exame da súa xestión e incluso para o seu futuro no PSdeG?

Os militantes elixen un secretario xeral e tamén deciden por canto tempo queren que o sexa. Eles saben ben o que votan, cando votan e a quen votan.

Tamén toca remudar a secretaría provincial do PSdeG en Lugo. ¿Como vai o proceso?

Xa hai data, a finais deste mes. Ao proceder á miña dimisión ábrese unha vacante e hai que resolvelo de forma rápida para que non haxa un baleiro. O proceso está aberto.

¿E ten o nome do seu substituto tan claro como o do voceiro parlamentario?

Pode haber moita xente válida para ese posto. Pero hai que ser respectuoso.

¿Esa xente válida chámase González Santín?

Si, é un deles. Moi válido, competente, que traballou conmigo moitos anos. Nese sentido é un dos candidatos... un magnífico candidato.

¿Como lle cambiou a vida desde que é secretario xeral do PSdeG? ¿Dobróuselle o traballo?

Este é un traballo distinto pero que non me quinta nin un ápice de dedicación á Deputación de Lugo. É cuestión de ter máis organización, pero non supón un problema. Non me quero perder este momento de vida política. Eu aprendín moito nestes contactos cos militantes e penso que hai que volver gozar da política.

Comentarios