O BNG anuncia unha "ofensiva social e institucional" para baixar a factura da luz

Pontón critica a un Feijóo "desaparecido" e avanza que defenderán unha proposta para unha tarifa eléctrica galega no próximo pleno 
Ana Pontón durante a conferencia de prensa deste xoves. ÓSCAR CORRAL (EFE)
photo_camera Ana Pontón durante a conferencia de prensa deste xoves. ÓSCAR CORRAL (EFE)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a súa formación porá en marcha "unha ofensiva social e institucional" co obxectivo de abaratar a factura da luz e lograr unha compensación a Galicia pola súa condición de zona altamente produtora de electricidade. 

Neste sentido, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se atope "desaparecido" en lugar de "plantarlle cara" aos privilexios das compañías e anunciou que o BNG levará ao primeiro pleno da Cámara, en canto se retome a actividade parlamentaria, unha proposición de lei para impulsar unha tarifa eléctrica galega

Pontón denunciou de novo, en conferencia de prensa, a "estafa que supón" a factura da luz, "asfixiando as economías familiares, as pequenas e medianas empresas" e os autónomos tras rexistrar "máximos históricos" unha e outra vez desde o mes de xuño. 

O BNG apunta directamente ao Goberno central e á Xunta como "cómplices necesarios" dos intereses do 'lobby' eléctrico e dunha "cobiza" dunhas empresas "que están a facer caixa no medio dunha crise económica e social sen precedentes", cunha das facturas da luz "máis caras de toda Europa". 

Todo iso despois de favorecer un cambio na factura "que encarece máis o prezo da electricidade", mantéñense leis "a medida do oligopolio enerxético" ou se promove "un boom eólico depredador" en Galicia que é unha "bomba para o medio natural e rural", mentres as contas das compañías se saldan con beneficios millonarios. 

"Teñen un asento permanente no Consello de Ministros e no Consello da Xunta", criticou, que achacou tamén ás "portas xiratorias" e á incorporación de políticos aos consellos de administración "con sueldazos desorbitados", que non se producen "a cambio de nada". 

"O caso galego é moito máis aberrante", advertiu, tras lembrar que a comunidade leva "décadas soportando os custos sociais e ambientais de producir electricidade" sen os beneficios correspondentes e a pesar de contar con "miles de empregos en risco" polo custo da enerxía. 

Neste marco, o balance, sinalou, é que o territorio contou con dúas centrais térmicas, máis de 4.000 aeroxeradores ou 155 centrais hidroeléctricas, onde se producen prácticas como o "baleirado" de encoros "para facer mais caixa" por parte das eléctricas sen que isto se traduza "en ningunha sanción sobre a mesa".

No primeiro pleno de setembro

É por iso que o BNG insiste en impulsar unha tarifa eléctrica adecuada a estas circunstancias, do mesmo xeito que os países da contorna como Suecia, Noruega ou Alemaña contan con tarifas diferenciadas para zonas produtoras. 

"Desde o BNG nin nos resignamos nin tiramos a toalla para plantarlle cara aos privilexios das eléctricas", sinalou, para o que defenderán unha proposición de lei para impulsar esa tarifa propia e darase continuidade á "ofensiva" iniciada e que se saldou con máis de 23.000 firmas de apoio a esta iniciativa. 

A iniciativa defenderase no primeiro pleno da Cámara galega, a primeira proposta que levará esta formación en canto o Parlamento retome a súa actividade habitual. 

"Espero que o señor Feijóo, que leva todos estes meses desaparecido nun debate crucial para Galicia, polo menos non vete esta iniciativa", resolveu, co fin de sentar as bases desta proposta "canto antes". 

Comentarios