O BNG aproba formar coalición con ERC e EH-Bildu para os comicios europeos

A eurodeputada Ana Miranda encabezará as listas do BNG nesa coalición de esquerdas e de formacións nacionalistas

Ana Miranda e Ana Pontón. AGN
photo_camera Ana Miranda e Ana Pontón. AGN

O BNG aprobou este sábado nunha reunión da súa directiva en Santiago de Compostela formar unha coalición con ERC e EH-Bildu para concorrer ás eleccións europeas do ano próximo, anunciou a líder da formación nacionalista galega, Ana Pontón.

En declaracións a un grupo de xornalistas, ao termo da reunión na que se aprobou a iniciativa, Pontón asegurou que "a mellor forma de defender os intereses de Galicia é ir nunha coalición con outras forzas coas que compartimos criterios como o republicanismo, a defensa de Galicia como nación sen Estado e o dereito dos pobos a decidir". 

Asegurou que esas son "as receitas que poden facer que este país avance" e considerou que en España hai unha "involución democrática" na que se perseguen ideas e "non se acepta a pluralidade".

A portavoz nacional do BNG destacou que a proposta dese "tres nacións sen Estado" tivo un "amplísimo apoio por parte das bases" e o consello nacional, o máximo órgano da súa formación, "ratificouno por unanimidade".

Pontón anunciou que a eurodeputada Ana Miranda, que acudiu á reunión na capital galega, encabezará as listas do BNG nesa coalición de esquerdas e de formacións nacionalistas galega, catalá e vasca para os comicios do ano próximo para elixir os representantes no Parlamento Europeo.

BILDU. Tamén este sábado as bases de EH Bildu aprobaron "un mandato" á súa dirección para que peche no prazo máis breve posible un acordo para concorrer ás eleccións europeas cos cataláns e os galegos.

Comentarios