O BNG carga contra o Goberno pola sentenza que obriga a indemnizar aos Franco por Meirás

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que: "é sorprendente e inaudito que o Goberno de Sánchez renuncie a presentar recurso ante unha sentenza que blanquea o Franquismo"
Pazo de Meirás. DP
photo_camera Pazo de Meirás. DP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o Goberno central por renunciar a recorrer a sentenza que obriga ao Estado a indemnizar aos herdeiros do ditador Francisco Franco polos gastos contraídos desde o ano 1975 no uso do Pazo do Meirás. "É sorprendente e inaudito que o Goberno de Sánchez renuncie a presentar recurso ante unha sentenza que blanquea o Franquismo, porque asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata", sentenciou Pontón, segundo recolle un comunicado emitido polo BNG este sábado.

Para a líder frontista, a última sentenza sobre Meirás, que ratifica que o pazo é propiedade pública pero descarta que os herdeiros do ditador actuasen de mala fe e, por tanto, establece o seu dereito a percibir unha indemnización polos gastos contraídos desde 1975, supón "unha labazada na cara de todas as persoas que levan décadas loitando pola recuperación da memoria histórica e en contra da impunidade do Franquismo".

Pontón incidiu en que "é intolerable" que o Estado estea obrigado a indemnizar á familia Franco, aínda que cre que "o máis sorprendente" é que o Executivo "que se autodefine como o máis progresista da historia" descarte presentar un recurso ante este último fallo xudicial.

"Asumir que hai que indemnizar á familia Franco é un branqueo e unha humillación para calquera demócrata", incidiu a líder nacionalista, que insta o Goberno a "rectificar" e activar os pasos para que a Avogacía do Estado recorra unha sentenza "intolerable".

"Desde logo, se eu fose presidenta da Xunta estaría a recorrer esta sentenza vergoñosa e inasumible", concluíu Pontón.

Unhas palabras que comparte o deputado de Galicia En Común-Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, xa que considera un "terrible erro" que o Goberno central decidise non recorrer a sentenza sobre o Pazo de Meirás. "A cidadanía galega xa pagou o Pazo de Meirás no ano 1938. Coa indemnización que establece esta sentenza volveríaos a pagar unha segunda vez por un ben que, como moitos outros, espoliou o ditador durante os anos do Réxime", sentenciou Gómez-Reino, segundo recolle un comunicado. 

Para o parlamentario, é necesario "ir até o final contra os expoliadores do público" polo que tacha de "incomprensible" que "se poida avalar a tese" de que non existiu mala fé por parte da familia Franco, como sentencia o fallo xudicial que o Executivo central, do que forma parte Unidas Podemos, decidiu non recorrer. 

"Hai que chegar ao final deste proceso contra o espolio do público que fixo con total impunidade durante décadas a familia Franco. Fai falta recorrer e evitar que sexa un precedente que altere outros procesos de recuperación doutros inmobles do patrimonio público", incidiu Gómez-Reino.

Comentarios